SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á CREACIÓN DE VIVEIROS INDUSTRIAIS DE EMPRESAS EN PARQUES EMPRESARIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 28-02-2022

Data: 

xoves, 27 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a luns, 28 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación 

Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN541A). BDNS (Identif.): 606974.

Obxecto

Construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais, co fin de crear un viveiro industrial de empresas.

Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Contía

Anualidade 2022: 750.000,00 €.

Anualidade 2023: 750.000,00 €.

Importe total da convocatoria: 1.500.000,00 €.

Intensidade das axudas: 80 % do importe total considerado como subvencionable, cun máximo de 240.000,00 € por solicitude (só se admite unha solicitude por concello).

Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais, co fin de crear un viveiro industrial de empresas. Enténdese por viveiro industrial de empresas, para os efectos desta orde, un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial no cal se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas durante un tempo limitado.

2. As instalacións do viveiro industrial serán de uso exclusivo para as empresas acollidas nel con base no procedemento de selección de empresas que se establece no artigo 7.8.

3. O concello debe ser titular das naves industriais que conforman o viveiro industrial de empresas.

4. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de xustificación do investimento.

5. Non se valorarán para os efectos de investimento os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionables cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

6. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

7. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 20.8 da presente orde.

8. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

9. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

10. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da Orde do 27 de decembro de 2021 no Diario Oficial de Galicia.

 

 

Descargas: