SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á CREACIÓN OU MELLORA DE INFRAESTRUTURAS NOS CONCELLOS DE GALICIA CON POBOACIÓN INFERIOR A 20.000 HABITANTES. PRAZO: 08-04-2021

Data: 

martes, 9 Marzo, 2021 (Todo o día) a xoves, 8 Abril, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 5 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes, para o ano 2021 (código de procedemento MT300A). BDNS (Identif:): 551481.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes, para a creación e mellora de infraestruturas, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT300A).

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter unha poboación inferior a 20.000 habitantes. Para estes efectos, considerarase o número de habitantes o recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 743/2019, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2019. No caso de que na data de publicación desta orde estivese publicado o real decreto referido as cifras de poboación do ano seguinte, tomarase este último de referencia.

2. Ter remitida ao Consello de Contas a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario 2019 antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Non estar incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

4. Acreditar a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde, entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención sexan compatibles co planeamento municipal vixente, se acredite a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a execución das ditas actuacións e de todas as autorizacións e informes sectoriais previos que precise por razón de materia e emprazamento.

Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos destinados á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións e instalacións vinculadas á prestación dos servizos municipais, que sexan compatibles co planeamento municipal vixente, consistentes na humanización e melloras urbanas de rúas ou de espazos públicos.

Para estes efectos, defínese:

a) Actuacións de humanización: actuacións que supoñan aumentar a superficie do espazo público para o seu uso polos peóns en detrimento do seu uso por vehículos de motor.

b) Actuacións de melloras: obras que doten de redes de servizos urbanos (abastecemento, recollidas de augas, iluminación pública, soterrado de cables de telefonía e electricidade), reforma ou formación de beirarrúas en vías de titularidade pública, supresión de barreiras arquitectónicas e, en xeral, obras que melloren a utilización polas persoas dos espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano instrutor observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións deberanse iniciar no exercicio 2021. Os prazos da súa execución terán en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 12 desta convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, conforme as condicións que se especifican no artigo 12 desta orde de axudas.

Importe

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2021 08 04 521A 7620 (código de proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, destinándose para tal finalidade un total de dous millóns trescentos tres mil seiscentos sesenta e catro euros con trinta e catro céntimos (2.303.664,34 €) distribuídos nas seguintes anualidades:

2021: 1.357.232,67 € (58,92 % respecto do orzamento total da orde).

2022: 946.431,67 € (41,08 % respecto do orzamento total da orde).

2. A axuda económica será o 70 % do investimento subvencionable, co límite máximo de sesenta e sete mil setecentos sesenta euros (67.760,00 €) por concello (IVE incluído), ata o esgotamento do crédito ao que se refire o punto anterior.

3. O pagamento realizarase na parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, sen que poida exceder a porcentaxe fixada para cada anualidade no apartado primeiro sobre o crédito total.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Descargas: