SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO. PRAZO: 23-06-2016

Data: 

martes, 24 Maio, 2016 (Todo o día) a xoves, 23 Xuño, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fins de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2016. BDNS (Identif.): 306514.

Obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2016.

Inclúense nesta orde os gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura en Galicia.

Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as institucións sen fins de lucro domiciliadas en Galicia, así como as entidades locais galegas, que leven a cabo algún dos eventos descritos no obxecto da convocatoria, e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do evento, e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que as actividades se prestan de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

4. Cada solicitante só poderá presentar un único proxecto e cada proxecto só poderá ter un único solicitante.

Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 50.000 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes: 10.20.432B.481.2, por un importe inicial máximo de 30.000 euros, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fins de lucro, e 10.20.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 euros, para o grupo de solicitantes de entidades locais e agrupacións de concellos.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe de 6.000 euros ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria noDiario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 96845.42 KB
PDF icon DOG Nº. 96 - EXTRACTO427.89 KB