SUBVENCIÓNS DESTINADAS Á REDACCIÓN DE PLANS DE EMERXENCIA ANTE SITUACIÓNS DE SECA. PRAZO: 04-06-2021

Data: 

mércores, 5 Maio, 2021 (Todo o día) a venres, 4 Xuño, 2021 (Todo o día)

 

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU100A). BDNS (Identif.): 558305.

Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, para redactaren plans de emerxencia ante situacións de seca, e convocar estas subvencións para o ano 2021 (código de procedemento AU100A).

2. A finalidade das subvencións é que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten cun instrumento básico de planificación para xestionaren os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables dos sistemas de abastecemento á poboación.

Non poderán ser beneficiarios os concellos que xa o fosen ao abeiro da Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A), e da Resolución do 1 de xuño de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2020.

2. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán cumprir os requisitos recollidos nos artigos 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude, aínda que se refiran a sistemas de abastecemento distintos. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á elaboración de plans de emerxencia ante situacións de seca asociados aos sistemas de abastecemento que xestione a entidade local solicitante.

Non son subvencionables os investimentos realizados para a elaboración de plans de emerxencia cuxa elaboración xa fose obxecto de subvención ao abeiro das resolucións do 28 de maio de 2019 e do 1 de xuño de 2020, xa citadas.

Para estes efectos, os plans de emerxencia ante situacións de seca considéranse os instrumentos básicos de planificación das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca.

2. Para seren subvencionables, os plans de emerxencia ante situacións de seca referidos ao ámbito territorial de Galicia Costa deberán ter o contido previsto no artigo 10 de Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario. Pola súa parte, os plans de emerxencia ante situacións de seca referidos ao ámbito territorial doutras demarcacións hidrográficas deberán ter un contido acorde co disposto no artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do plan hidrolóxico nacional, nas demais disposicións legais e regulamentarias de aplicación e nos plans de seca das correspondentes demarcacións hidrográficas.

En todo caso, o seu contido incluirá, como mínimo:

a) Unha descrición e un diagnóstico dos sistemas de abastecemento, con indicación dos recursos dispoñibles, as áreas de captación e as demandas de auga.

b) A determinación das zonas máis vulnerables en caso de seca e dos usos da auga máis relevantes desde o punto de vista económico e social, coa identificación da poboación, dos condicionantes ambientais ou dos principais elementos do patrimonio natural e das actividades estratéxicas que se poderían ver afectados.

c) Un sistema de indicadores e escenarios coherente co recollido no correspondente plan de seca da súa demarcación hidrográfica.

d) As medidas de xestión que se adoptarán en cada un dos distintos escenarios incluídos.

e) A previsión dunha subministración alternativa ante situacións de escaseza conxuntural, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir nestas situacións, e á súa duración.

f) As actuacións que se considere necesario executar para garantir o abastecemento á poboación durante un episodio de seca, incluídas as obras de captación e condución que sexan precisas.

Para estes efectos, na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) hai un modelo de plan municipal de emerxencia e xestión do risco de seca e algunhas recomendacións para a súa elaboración.

Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €).

O importe das subvencións será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (imposto sobre o valor engadido incluído), ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: