Data:
Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (códigos de procedemento PR483A, PR483B, PR483C e PR483D). BDNS (Identif.): 671794.
Obxecto
Regular os criterios de repartición e establecer as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, afectadas á realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.
Beneficiarios
– Convocatoria de subvencións de natureza non competitiva: aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, os afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, relacionados no anexo V desta orde.
– Convocatoria de subvencións de natureza competitiva:
a) Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira individual.
b) Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, nos termos do artigo 9.
c) As mancomunidades de concellos de Galicia.
d) Os consorcios locais de Galicia, constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos.
Quedan expresamente excluídas as deputacións provinciais.
Importe
Para o financiamento da convocatoria de subvencións destínase un total de 7.715.174,00 euros.
Distribución orzamentaria do crédito destinado ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva
1. A axuda económica que se conceda será en función das solicitudes presentadas en cada unha das liñas de subvención e segundo a seguinte distribución orzamentaria inicial:
a) Para a liña de subvencións en concorrencia non competitiva, isto é, destinada aos concellos de forma individual ou conxunta, segundo o establecido nesta orde, cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e igualmente aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, destinarase un total de 6.007.596,00 €, con cargo ás aplicacións 06.04.141A.761.0 e 06.04.141A.461.0, conforme os seguintes criterios e para actuacións segundo o exposto nesta orde:
1. Os concellos que teñan instalados aeroxeradores dentro do seu termo municipal recibirán a cantidade total de 4.956.604,80 euros segundo o anexo V, repartidos de xeito proporcional con base no número de aeroxeradores.
2. Os concellos afectados por instalacións de conexión ou vías de evacuación dentro do seu termo municipal recibirán a cantidade total de 1.050.991,20 euros segundo a repartición do anexo V. Os importes individuais determínanse de xeito proporcional ao número de metros de instalación de conexión e vías de evacuación, establecendo un importe mínimo de 2.000,00 euros.
b) Para a liña de subvencións en concorrencia competitiva, isto é, destinada a todos os concellos de Galicia, de forma individual, agrupados ou asociados, ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais, destinarase un total de 1.707.578,00 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 06.04.141A.461.0 e 06.04.141A.761.0, consonte a distribución inicial indicada no artigo 2 desta orde, sen prexuízo do previsto na alínea 1.b) dese mesmo artigo.
2. Considerando que, segundo a regulación contida na Lei 8/2009, do 22 de decembro, resultan elixibles tanto os gastos de investimento como os custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, cómpre situar créditos no capítulo IV e no capítulo VII.
No entanto, non é posible coñecer de antemán os importes totais que se van conceder con cargo a cada capítulo e, por outra banda, os expedientes na liña non competitiva resólvense segundo se completan, o que impide esperar por unha única resolución.
Polo tanto, as cantidades inicialmente asignadas a cada aplicación orzamentaria do capítulo IV e do capítulo VII por cada liña de subvención teñen carácter estimativo. A súa determinación definitiva será a que resulte das resolucións de concesión que se diten ao abeiro desta orde, que deberán recoller os importes parciais das subvencións concedidas, clasificados de acordo co orzamento achegado por cada entidade como parte do proxecto que fundamenta a resolución de concesión.
O previsto neste punto requirirá, de ser o caso, a tramitación previa das preceptivas transferencias de crédito de acordo coa regulación prevista na normativa vixente para estas modificacións orzamentarias.
3. No suposto de que algún concello dos relacionados no anexo V non presente a solicitude de subvención, non cumpra os requisitos da convocatoria ou sexa declarado desistido da súa solicitude, a cantidade que teña asignada poderá incrementar o importe total da liña de subvención competitiva.
Non obstante, tamén se poderá dedicar a cubrir outras necesidades dos concellos relacionadas coa finalidade do Fondo de Compensación Ambiental.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 671794): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (http://conselleriadepresidencia.xunta.gal) ou na páxina web www.eidolocal.gal
b) Nos teléfonos 881 99 72 58 (liña en concorrencia non competitiva) e 881 99 71 71 (liña en concorrencia competitiva).
c) No enderezo electrónico administracionlocal@xunta.gal