SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INFRAVIVENDA DO PLAN REHAVITA: PLAN GALEGO DE REHABILITACIÓN, ALUGAMENTO E MELLORA DE ACCESO Á VIVENDA 2015-2020. PRAZO: 31-05-2019

Data: 

mércores, 6 Febreiro, 2019 (Todo o día) a venres, 31 Maio, 2019 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se convocan subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o exercicio 2019. BDNS (Identif.): 437847.

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o exercicio 2019, as subvencións para o Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020; código de procedemento VI406A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 das bases reguladoras.

Finalidade da subvención

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha edificación ou nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitaren edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta resolución.

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación desta convocatoria.

2. Para poderen ser beneficiarios destas subvencións, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estea vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que, téndoselles concedido unha subvención en virtude deste programa dentro dos dous anos anteriores a esta convocatoria, non a xustificasen debidamente e non renunciasen a ela no prazo dun mes, contado desde a data de notificación da resolución de concesión.

Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.0, por importe de 200.000 euros, e con cargo á anualidade 2019 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo 

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 31 de maio de 2019.

 

Descargas: