SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INFRAVIVENDA NO ÁMBITO DA ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL (ARI) DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO. PRAZO: 30-11-2016

Data: 

sábado, 28 Maio, 2016 (Todo o día) a mércores, 30 Novembro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 4 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de infravivenda no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016. BDNS (Identif.): 305959.

Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes, situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, para que poidan axudar, con carácter urxente, as unidades de convivencia que habiten, en condición de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. Así mesmo, estas subvencións tamén terán por obxecto permitir aos concellos rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia das unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes que estean situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.00, por importe de 500.000 euros, con cargo á anualidade 2016, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 80 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 12.000 euros por edificación.

Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade. Estas actuacións poderían afectar elementos exteriores, as condicións estruturais e de seguranza, a habitabilidade e accesibilidade da edificación ou vivenda.

Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións que se realicen deberán axustarse á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. As actuacións subvencionables non poden estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.

3. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder 6 meses.

4. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o 30 de novembro de 2016.

Descargas: