Data:
Axencia de Turismo de Galicia
Resolución do 7 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TU503D).
BDNS (Identif.): 815311.
Obxecto e réxime
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes para a consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos de Galicia de ata 10.000 habitantes, segundo as cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1210/2024, do 28 de novembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2024.
Importe
As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 2.000.000,00 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.
Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.
Accións subvencionables
a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:
– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.
– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.
– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, rutas de sendeirismo e outros elementos de interese turístico, salvo as rutas BTT.
– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes en que a súa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.
b) Actuacións de embelecemento dos recursos turísticos e dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:
– Embelecemento de vías, sempre que se empreguen materiais sustentables. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón se non vai acompañado doutras actuacións que o fagan máis respectuoso co ambiente.
– Ocultamento de colectores de residuos que se encontren no propio recurso turístico ou ben declarado de interese cultural, ou no seu contorno de protección.
– Eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.
– Conservación de recursos que xa existan ou que fosen financiados anteriormente ao abeiro desta liña de subvencións (TU503D), que, polo transcurso do tempo, estean deteriorados, sempre que a deterioración non estea causada polo incumprimento do deber de conservación e mantemento por parte do concello e que, no caso de recursos financiados anteriormente, transcorresen polo menos cinco anos desde a data de certificación do gasto.
c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:
– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.
– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.
d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:
– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.
– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.
En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.
e) Sinalización dos recursos turísticos.
A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos cando esta se encontre deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.
Só será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.
Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas e ao vandalismo, e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.
Os materiais e as características da sinalización deberán cumprir o disposto no Manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), e nos correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo.
Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa co contorno en que se encontra o recurso. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón se non vai acompañado doutras actuacións que o fagan máis respectuoso co ambiente.
Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da Resolución do 7 de febreiro de 2025 no Diario Oficial de Galicia e ata o día 28 de marzo de 2025.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 815311): http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-s...
b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada e introducindo no buscador o código de procedemento.
c) Os teléfonos 981 54 01 46 e 981 54 02 61.
d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal






Sede Electrónica