Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego (PRTR). Prazo: 05-03-2024

Data: 

martes, 6 Febreiro, 2024 (Todo o día) a martes, 5 Marzo, 2024 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento TU503G).

BDNS (Identif.): 742111.

Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade de 2024.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos situados no territorio do litoral galego, definido coma terra xunto á costa marítima dos mares Atlántico e Cantábrico.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade local solicitante.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario de 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 2.732.088,95 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024. O orzamento divídese en tres liñas de actuación que se poden subvencionar: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 1.562.955,64 €; transición dixital, cun orzamento de 377.024,37 €, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 792.108,94 €.

2. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

3. A intensidade máxima das axudas será dun 90 % do custo total do proxecto, co límite máximo seguinte para cada unha das liñas de axuda:

a) Transición verde e ecolóxica: contía máxima de 80.000,00 € por proxecto.

b) Transición dixital: contía máxima de 15.000,00 € por proxecto.

c) Transición accesible e inclusiva: contía máxima de 50.000,00 € por proxecto.

Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a continuación:

a) Liña 1: transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral.

– Rehabilitación sostible de edificacións de interese turístico, tales como museos, monumentos, teatros, galerías de arte, etc., nas que o concello acredite a súa dispoñibilidade. Enténdese por rehabilitación sostible aquela que é respectuosa coa contorna e está adaptada ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables) e aumente a vida útil do edificio. Tamén actuacións que reduzan a pegada de carbono como a instalación de cubertas vexetais ou a optimización de sistemas de ciclo de auga.

– Investimento en zonas verdes como vías verdes, camiños e sendeiros, espazos naturais que fomenten a biodiversidade vexetal, que permitan conectar distintos puntos de interese turístico ou que contribúan á creación de novos produtos turísticos, tales como rutas polas zonas verdes.

– Restauración ambiental e integración paisaxística dos recursos que contribúan a un turismo sostible. Inclúe a recuperación das condicións ambientais (vexetación, fauna, auga, solo...) de ecosistemas perturbados ou danados, co obxectivo de poñer en valor a biodiversidade e a dinámica do ecosistema orixinal, así como a corrección das transformacións da paisaxe con motivo de edificacións, infraestruturas, para adecualas á paisaxe.

A contribución á sustentabilidade deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude á que fai referencia o artigo 10.

b) Liña 2: transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral.

– Gastos de desenvolvemento de aplicacións turísticas que inclúen os gastos de compra do sistema operativo da aplicación e os gastos da instalación e desenvolvemento da aplicación.

– Gastos relacionados co desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico.

– Gastos de deseño e instalación do desenvolvemento de folletos dixitais turísticos.

– Gastos relacionados co desenvolvemento de guías interactivas turísticas: aplicación móbil que promociona os atractivos turísticos do país, que facilita aos/ás turistas nacionais e do estranxeiro información relacionada con eles (historia, horarios, precaucións, etc.) en diferentes idiomas. Iso inclúe visitas virtuais, vídeos e fotos de ríos, praias, covas, monumentos e lugares históricos utilizando o GPS.

– Gastos de desenvolvemento de aplicacións e instalación do Beacon turístico: dispositivos electrónicos baseados en tecnoloxía bluetooth que, polo seu reducido tamaño e o seu mínimo consumo enerxético, poden colocarse en calquera equipamento de sinalización turística (existente ou proxectado). Estes dispositivos serán colocados en puntos turísticos co obxectivo de compartir nos móbiles a información de interese turístico.

– Gastos de compra e instalación de placas turísticas: placas informativas dixitais.

– Gastos de compra e instalación da sinalización monumental intelixente: compra de monólitos descritivos de cada un dos monumentos de carácter dixital.

– Gastos de compra e instalación de pantallas interactivas: dispositivo montado que ofrece presentacións visuais vibrantes e a opción de controlar os datos en pantalla mediante interaccións con pantalla táctil dixital.

– Gastos de compra e instalación relacionados coa sensorización IoT: tecnoloxía que conecta zonas turísticas ou monumentos mediante sensores vinculados a internet e que son capaces de intercambiar datos entre si.

Os gastos da liña 2 irán acompañados dun plan de contidos que se achegue coa documentación complementaria que se indica no artigo 10.

c) Liña 3: transición accesible e inclusiva para un turismo máis competitivo.

– Gastos de obra e reforma que impliquen a modernización, a mellora, a remodelación ou adaptación de equipamentos existentes que favorezan a accesibilidade da cidadanía a recursos turísticos.

– A adquisición e mellora de bens de equipamento precisos para o desenvolvemento da actividade turística como as instalacións que faciliten a accesibilidade e mobilidade a recursos turísticos. O equipamento adquirido deberá cumprir as exixencias establecidas na normativa da aplicación, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e as normas técnicas da UE de accesibilidade universal.

2. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

3. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. O gasto subvencionable en concepto de honorarios técnicos non será superior ao 5 % do investimento neto admitido.

4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de outubro de 2024.

5. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, ademais, os seguintes:

a) Gastos de mantemento ordinarios.

b) Gastos de persoal propio do concello.

c) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

d) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, multas, taxas.

e) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, aínda que sexan necesarios para obter permisos ou licenzas.

f) Seguros subscritos pola entidade solicitante.

g) Custos financeiros.

h) Custos asociados a sancións penais, así como gastos de procedementos xudiciais.

6. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

7. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 24.

8. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, ben por non dispoñer delas ou por non ser preceptiva, acreditarase na fase de xustificación mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 742111): https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-s...

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 74 05 e 981 54 63 60.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

Descargas: