Data:
Augas de Galicia
Resolución do 4 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E).
BDNS (Identif.): 905016.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións que permitan minimizar as perdas de auga en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e en entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2026 con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento AU301E).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que teñan unha poboación total inferior a 20.000 habitantes e as entidades locais menores, e que sexan responsables de sistemas de abastecemento.
No caso concreto das entidades locais menores poderán ter a condición de entidades beneficiarias sempre que sexan titulares da rede de abastecemento sobre a cal se pretenda actuar ou teñan delegadas as competencias municipais en materia de abastecemento.
Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á execución das actuacións incluídas no Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga aprobado pola entidade local con anterioridade á data da publicación desta resolución e en cumprimento do previsto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario. En todo caso, o beneficiario non poderá ter executado na súa totalidade o proxecto e pagado o investimento subvencionable antes da solicitude da subvención.
2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución de obras, como os gastos asociados a estas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos, e poderán ser o total dos honorarios ata un máximo do 10 % da subvención.
3. En ningún caso se considerará gasto subvencionable, ademais dos gastos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os recollidos no artigo 64 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, coas especificacións recollidas. En particular, non se considerará gasto subvencionable o imposto sobre o valor engadido.
Tampouco será subvencionable a mesma actuación cando fose solicitada de maneira simultánea polo concello e a entidade local menor en que se sitúe esta.
Así mesmo, non serán subvencionables aqueles proxectos que xa fosen executados ao abeiro da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E) (DOG nº 71, do 11 de abril).
4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada, pero resultan necesarios para a súa execución (tales como gastos administrativos ou subministracións) e que se determinan con base no método de costes indirectos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, sobre disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.
5. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do citado Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos no punto 2 deste artigo.
Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe de dous millóns cincocentos trinta e un mil douscentos oitenta e seis euros con sesenta e seis céntimos (2.531.286,66 €) e serán cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
O importe da subvención será do 100 % do gasto subvencionable, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata o esgotamento do crédito.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 27 de maio de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 29 de xuño de 2026.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 905016): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/905016
-Na Dirección de Augas de Galicia.
-Na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia.

Sede Electrónica