Data:
Augas de Galicia
Resolución do 10 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301C).
BDNS (Identif.): 816081.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301C).
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de abastecemento á poboación que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.
Non poderán ser beneficiarios os concellos e as entidades locais menores que xa o fosen ao abeiro das convocatorias dos anos anteriores, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen á subvención no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á subvención.
Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos mil euros (200.000,00 €).
O importe das subvencións será do 80 % do gasto subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude, ata esgotar o crédito referido nesta resolución.
Gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2025 destinados á elaboración de auditorías dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento da presentación da solicitude de subvención.
As auditorías dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de augas deberán ter o seguinte contido mínimo:
a) Unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello ou da entidade local menor, que conteña, como mínimo:
Unha explicación do funcionamento do sistema de abastecemento.
Un inventario dos elementos singulares (puntos de captación de auga e a súa tipoloxía, equipos de medición existentes en captación, transporte, distribución e usuario final, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable), coas súas principais características, localización e fotografías.
Información sobre as redes de abastecemento (condución e distribución), a lonxitude da rede de distribución, o estado de conservación e a antigüidade das instalacións de abastecemento existentes.
Inventario estimado do parque de contadores, características e antigüidade.
Os núcleos de poboación e zonas aos cales se subministra auga.
b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX) do sistema de abastecemento do concello ou da entidade local menor, que conteñan, como mínimo, puntos de captación de auga, equipos de medición existentes desde a captación aos puntos de consumo, estacións de bombeo de auga, depósitos de almacenamento, estacións de tratamento de auga potable e as zonas e núcleos a que se subministra auga.
c) Datos sobre o volume medio de auga captada e subministrada á rede de abastecemento; o número de usuarios conectados diferenciados por tipoloxía (domiciliarios, grandes consumidores, etc.), e a tipoloxía de consumos de auga: rexistrados e non rexistrados e facturados e non facturados.
d) Un balance hídrico de todo o sistema de abastecemento, tendo en conta a auga captada, a auga rexistrada e a auga non rexistrada.
e) Un plan de actuacións aprobado polo concello ou pola entidade local menor para minimizar as perdas de auga dos sistemas de abastecemento á poboación nos seguintes catro anos, dando cumprimento á disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, que conteña, como mínimo:
Medidas e actuacións para a redución dos consumos autorizados non rexistrados.
Medidas e actuacións para a redución das perdas aparentes (erros de medición, erros de lectura, consumos non autorizados).
Medidas e actuacións para a redución das perdas reais.
Todas as medidas propostas deberán estar totalmente definidas e detalladas coa súa localización concreta, valoradas economicamente e programadas temporalmente no prazo de catro (4) anos desde a aprobación do plan de actuacións. O plan de actuacións conterá un estudo económico que valore os investimentos que se van realizar e a recuperación económica esperada en termos de redución das perdas de auga.
Para estes efectos, na seguinte ligazón da páxina web de Augas de Galicia póñense á disposición unhas recomendacións para a elaboración de auditorías de abastecemento e plans de actuacións para minimizar as perdas de auga:
https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Planificacion_do_abastec...
2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello ou a entidade local menor deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible polo concello ou a entidade local menor.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 28 de febreiro de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 28 de marzo de 2025.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 816081): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección de Augas de Galicia.






Sede Electrónica