Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións. Prazo: do 03-03-2025 (9.00 h.) ao 03-04-2025 (14.00 h.)

Data: 

luns, 3 Marzo, 2025 (Todo o día) a xoves, 3 Abril, 2025 (Todo o día)

 

Augas de Galicia

Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301D).

BDNS (Identif.): 816101.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301D).

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de saneamento que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.

Non poderán ser beneficiarios os concellos e as entidades locais menores que xa o fosen ao abeiro das convocatorias dos anos anteriores, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen á subvención no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á subvención.

Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de cincocentos mil euros (500.000 €).

O importe das subvencións será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude, ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

 Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2025 destinados á elaboración de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentar a solicitude de subvención.

As auditorías das redes de saneamento deberán ter o seguinte contido mínimo:

a) Unha descrición detallada do sistema de saneamento do concello ou da entidade local menor, que conteña, como mínimo, unha explicación do funcionamento do sistema de saneamento, un inventario dos elementos singulares (aliviadoiros, estacións de bombeo de augas residuais e impulsións, fosas sépticas, estacións depuradoras de augas residuais), coas súas principais características, localización e fotografías, os núcleos de poboación conectados a cada rede de saneamento e a poboación estimada conectada.

b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX), do sistema de saneamento do concello ou da entidade local menor, que conteña, como mínimo, as redes de colectores principais, os elementos singulares inventariados e todos os pozos de rexistro ou puntos de control inspeccionados como parte da elaboración da auditoría.

c) Sectorización do sistema de saneamento do concello ou da entidade local menor, mediante a definición gráfica das bacías e subbacías vertentes a cada sector, e a localización dos puntos de control de cada sector.

d) Inspección dos puntos de control de cada sector, en que se rexistre, como mínimo, a seguinte información: localización e características dos pozos de rexistro ou puntos de control (estado, dimensións, material, tubaxes entrantes e/ou achegas), data e hora da inspección, condicións climáticas, fotografías exteriores e interiores, resultados das mostras tomadas, en que se analice a condutividade, turbidez e caracterización do fluxo, que inclúa as fotografías dos botes das mostras coa referencia aos puntos de control inspeccionados.

e) Análise do resultado da inspección nos puntos de control de cada sector e interpretación das mostras tomadas. Con este estudo identificaranse os tramos de colector que presentan maiores problemas e afeccións relacionadas coas infiltracións (alivios excesivos, roturas, entradas de augas brancas, entradas de auga de mar, parámetros de calidade por riba dos valores normais nunha rede de saneamento, etc.) e as bacías vertentes asociadas, co fin de realizar neles unha inspección máis detallada.

f) Inspección detallada dos tramos de colector e das bacías vertentes asociadas seleccionadas segundo o disposto na alínea anterior, mediante a inspección pozo a pozo ata localizar e determinar os motivos dese elevado grao de afección, rexistrando como mínimo a información requirida na alínea d), co alcance necesario para localizar as causas das problemáticas identificadas, que inclúa, en caso de ser precisa, a inspección dos tramos do colector con videocámara.

g) Elaboración dun informe coa recompilación de toda a información xerada, a análise e interpretación dos resultados obtidos, o inventario das deficiencias detectadas e as propostas de medidas correctoras para a súa emenda, priorizadas e valoradas técnica e economicamente.

Para estes efectos, na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) ponse á disposición un modelo de auditoría e protocolo de inspección de redes de saneamento para a detección de infiltracións e algunhas recomendacións para a súa elaboración.

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello ou a entidade local menor deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible polo concello ou a entidade local menor.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 3 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 3 de abril de 2025.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 816101): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección de Augas de Galicia.

Descargas: