Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico. Prazo: do 11-09-2025 ao 13-10-2025

Data: 

xoves, 11 Setembro, 2025 (Todo o día) a luns, 13 Outubro, 2025 (Todo o día)

 

Consellería de Economía e Industria

Orde do 15 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN308C).

BDNS (Identif.): 852245.

Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas a entidades locais, para fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2025.

Entidades beneficiarias

Entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais, ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación de aproveitamentos lúdicos das augas termais de Galicia, ou aquelas en que, con anterioridade á data de presentación da solicitude da axuda, fose declarada a condición termal das ditas augas.

Contía

O crédito destinado para as axudas é de 150.000,00 euros para a anualidade do ano 2025 e 600.000,00 euros para a anualidade do ano 2026.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas todas aquelas actuacións destinadas a acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico que, entre outras, poderán ser das seguintes tipoloxías:

– Adquisición e instalación de caudalímetros.

– Adquisición e instalación de sistemas de bombeo.

– Adquisición e instalación de equipamentos de medición que formen parte da instalación.

– Colocación de sinalética, particularmente a establecida para estas instalacións na Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se aproba o contido das obrigas de información pública e sinalética das instalacións termais autorizadas ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 70, do 11 de abril de 2022.

– Obras de acometida e canalizacións de auga.

– Mellora dos espazos verdes e instalacións de lecer.

– Actuacións en vestiarios, duchas e aseos.

– Instalación de peches perimetrais.

– Mellora das condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data de xustificación do investimento.

Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto/s necesarios para levar a cabo as actuacións subvencionables que se vaian realizar, de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde, e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos cales se refire o artigo 18.h) destas bases reguladoras.

Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando o órgano competente da entidade local contabilizase o recoñecemento da obriga.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comenzará ás nove horas do décimo quinto día hábil posterior a aquel en que se publique esta orde no DOG e concluirá no mes de vencemento, ás nove horas do mesmo día ordinal en que comezou o prazo. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 852245): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/852245

-Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN308C, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: https://economia.xunta.gal

b) Nos teléfonos da dita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 95 72 59.

c) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).

 

Descargas: