Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a planificación de comunidades enerxéticas 2026. Prazo: do 03-07-2026 (9:00 h) ao 03-08-2026 (23:59 h)

Data: 

venres, 3 Xullo, 2026 (Todo o día) a luns, 3 Agosto, 2026 (Todo o día)

 

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

Resolución do 15 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación de comunidades enerxéticas, anualidade de 2026 (código de procedemento IN418E).

BDNS (Identif.): 914622.

Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e coas condicións establecidos nelas (código de procedemento IN418E).

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Non obstante, poderanse presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Proxectos subvencionables

1. Son proxectos subvencionables a contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da Comunidade Enerxética a partir da súa constitución. Co obxecto de contribuír á sostibilidade da comunidade enerxética, esta deberá dispor dun estudo de viabilidade económica en que se avalíen cando menos os investimentos que se van realizar, o financiamento destes, os custos operativos e os ingresos previstos nun horizonte temporal mínimo de 10 anos. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios.

Como resultado debe obterse:

– De ser o caso, os estatutos e a acta de constitución ou ampliación da CE.

– O anteproxecto das infraestruturas enerxéticas previstas.

– O estudo de viabilidade económica da Comunidade Enerxética.

– Cando proceda, a memoria descritiva das actuacións de difusión.

2. Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que os asesoren. O Inega elaborará unha listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética a comunidades enerxéticas que publicará para efectos informativos na páxina web www.inega.gal. A listaxe confeccionarase sobre a base dunha declaración responsable de dispor de medios humanos e materiais para a realización do traballo de planificación.

Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo IV da presente resolución en calquera momento desde a publicación desta resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética de comunidades enerxéticas ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.

Condicións dos proxectos

1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2026, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 5.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude. Este requisito se entenderá aplicado á comunidade enerxética e non aos seus integrantes, de tal xeito que unha mesma persoa pode participar en diferentes comunidades enerxéticas.

Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio de 2026. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 300.000 euros e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.770.4 e 09.A3.733A.781.8 (código do proxecto contable 2021/00004).

A distribución dos fondos por cada un dos réximes xurídicos que resultan aplicables é a seguinte:

Aplicación orzamentaria Réxime de minimis Réxime ordinario Total
09.A3.733A.770.4 50.000 0 50.000
09.A3.733A.781.8 25.000 225.000 250.000
Total 75.000 225.000 300.000

Contía da axuda

1. A intensidade de axuda será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Na seguinte táboa establécese a axuda máxima por solicitude que dependerá do número de membros da comunidade enerxética no momento de presentar a solicitude (no caso de comunidade enerxética sen constituír, teranse en conta os membros que figuren no acordo marco de colaboración na preconcesión e, se o número é menor, os que finalmente integren a comunidade para o pagamento).

Número de membros da CE Axuda máxima (€)
Menos de 10 15.000
De 10 a 100 20.000
Máis de 100 25.000

3. A axuda máxima recollida no punto anterior poderá aumentarse en 5.000 € de axuda no caso das comunidades que en fase de solicitude xustifiquen ter localización/s (propiedade ou dereitos sobre terreos, uso de cubertas,...) a favor da comunidade enerxética para o desenvolvemento de novas infraestruturas enerxéticas. O que se debe acreditar por calquera medio válido en dereito.

Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ás 9.00 horas, e rematará un mes despois ás 23.59 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións:

-Na web do INEGA: www.inega.gal

 

Descargas: