Data:
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2025 e 2026 (código de procedemento TR811A).
BDNS (Identif.): 812573.
Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións a entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social (código de procedemento TR811A).
A súa finalidade é a promoción, visibilización e desenvolvemento da economía social a través de accións de formación, divulgación e asesoramento, fomentando o espírito emprendedor e a creación e consolidación de emprego.
Entidades beneficiarias
– As asociacións de entidades de economía social.
– Os concellos de Galicia, as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais.
– As cámaras de comercio.
– As universidades.
– As fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais.
As entidades beneficiarias deben ter formalizada a súa adhesión á Rede Eusumo mediante a subscrición dun convenio de colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.
Contía
O orzamento total ascende a seiscentos noventa mil euros (690.000,00 €), distribuído en dúas anualidades: anualidade 2025, 265.000,00 €; anualidade 2026, 425.000,00 €.
Unha vez acreditada a aceptación da subvención e logo de solicitude, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 812573): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans
-Na Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.






Sede Electrónica