Subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior. Prazo: 24-07-2024

Data: 

martes, 25 Xuño, 2024 (Todo o día) a mércores, 24 Xullo, 2024 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Orde do 11 de xuño de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS508C).

BDNS (Identif.): 769405

Obxecto e finalidade

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2024, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024.

Orzamento

A contía global da convocatoria é de cen mil euros (100.000 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 43.05.312F.460.0, corenta e cinco mil euros (45.000 €) se destinarán ás entidades locais e, con cargo á aplicación orzamentaria 43.05.312F.481.0, cincuenta e cinco mil euros (55.000 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 2.400 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 6.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos.

2. Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolveranse preferentemente nalgunha das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.

d) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

e) Actividades orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

f) Actividades orientadas á humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade en que se moven de xeito habitual.

g) Actividades relacionadas co fomento da utilización das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) por e para este colectivo.

h) Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.

i) Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.

j) Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutua.

3. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024.

4. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte co previsto no anexo I e indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

5. Non se subvencionarán proxectos nos cales participen máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. No caso de proxectos presentados por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, poderanse subvencionar aqueles coa participación de ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto.

6. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tiver que abandonar a súa participación no proxecto subvencionable antes de que este remate, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria, maior de 55 anos, polo tempo restante. A cada unha delas aboaranse os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co número 4 do artigo 6.

Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 769405): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Xuventude: https://www.xunta.gal/cultura-lingua-xuventude

Descargas: