Subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior. Novo prazo: 03-08-2023

Data: 

martes, 4 Xullo, 2023 (Todo o día) a xoves, 3 Agosto, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Política social e Xuventude 

Orde do 27 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C). BDNS (Identif.): 692253.

Obxecto e finalidade

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

Orzamento

A contía global da convocatoria é de cen mil euros (100.000 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, corenta e cinco mil euros (45.000 €) se destinarán ás entidades locais e, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, cincuenta e cinco mil euros (55.000 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 2.400 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 6.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos.

2. Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolveranse preferentemente nalgunha das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.

d) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

e) Actividades orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

f) Actividades orientadas á humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade en que se moven de xeito habitual.

g) Actividades relacionadas co fomento da utilización das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) por e para este colectivo.

h) Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.

i) Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.

j) Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutua.

3. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023. As xornadas diarias serán de 3 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 3 horas.

4. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte o previsto no anexo I indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

5. Non se subvencionarán proxectos en que participen máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Permitirase participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior. No caso de proxectos presentados por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, poderanse subvencionar aqueles coa participación de ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto.

6. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar a súa participación no proxecto subvencionable antes de que este remate, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante. A cada unha delas aboaranse os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co número 4 do artigo 6.

Outros datos

Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Modificación da Orde do 27 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C) (publicado no DOG. Nº. 125, 3 de xullo 2023).

O número 5 do artigo 2 referido aos proxectos subvencionables da Orde do 27 de abril de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C), queda redactado como segue:

«5. Non se subvencionarán proxectos en que participen máis de oito persoas voluntarias por proxecto. No caso de proxectos presentados por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, poderanse subvencionar aqueles coa participación de ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto».

Apertura de novo prazo de presentación de solicitudes

1. Procederá a apertura dun novo prazo de presentación das solicitudes, que será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (publicado no DOG. Nº. 125, 3 de xullo 2023). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. As solicitudes presentadas segundo o establecido no número anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 27 de abril de 2023.

3. As entidades que solicitaron as axudas previstas na Orde do 27 de abril de 2023 non terán que presentar unha nova solicitude.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 692253): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

 

Descargas: