Data:
Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procemento SI436A, SI435A e SI427B).
BDNS (Identif.): 812852.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2025 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de programas, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a prevención e o tratamento da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, e a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de lles prestar unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou estean nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.
Coa dita finalidade establécense os seguintes programas:
a) Programa do Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A).
b) Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, en diante, Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero (SI435A).
c) Programa de apoio aos centros de información á muller, en diante, Programa de apoio aos CIM (SI427B).
2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou conxunta, respecto de cada un dos programas previstos no número 1 anterior. Para o caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas ou de xestión compartida, dará lugar á inadmisión da solicitude individual; considerarase como efectiva a de xestión compartida.
No caso do Plan Corresponsables (SI436A) só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou conxunta, respecto de cada unha das dúas tipoloxías de proxectos: servizos de coidado e/ou accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados. Para o caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas ou de xestión compartida para a mesma tipoloxía de proxecto, prevalecerá a solicitude de xestión compartida.
3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidas nas bases reguladoras.
Importe
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de doce millóns douscentos dous mil oitocentos noventa e un euros (12.202.891 €) distribuídos en tres programas e, nun deles, en dúas anualidades.
2. As contías máximas das axudas nos diferentes programas son as seguintes:
a) Programa Plan Corresponsables no ámbito local: a contía máxima da axuda será de 55.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
b) Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero: a contía máxima da axuda será de 15.000 euros, cando se trate dunha de solicitude individual, e de 28.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
c) Programa de apoio aos centros de información á muller (CIM): a contía total máxima de axuda é de 52.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.
As axudas do programa SI436A están financiadas con fondos finalistas do Estado do Plan Corresponsables; as axudas do programa SI427B están financiadas con fondos propios libres da Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas do programa SI435A están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ES04.8: Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos e medida 2.H.03: Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Maís Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 812852): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Sobre os procedementos administrativos asociados a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade, https://igualdade.xunta.gal; nos teléfonos 981 54 16 18, 881 99 91 63, 881 99 55 34 e 881 99 55 36 (procedemento SI436A), 981 54 73 97 e 981 54 53 53 (procedemento SI435A), 981 54 53 56 e 981 54 53 57 (procedemento SI427B).






Sede Electrónica