Data:
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde de 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR460D).
BDNS (Identif.): 814098.
Obxecto
Establecer bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao financiamento dos gastos que realicen as entidades locais galegas para a prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.
Entidades beneficiarios
As entidades locais galegas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter espazos acuáticos naturais inscritos na sección I do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, adscrito ao órgano directivo competente en materia de saúde pública, ou ter instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.
2. Ter remitida a conta xeral da entidade local, correspondente ao exercicio orzamentario de 2023, ao Consello de Contas.
Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dun millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €) con cargo á partida orzamentaria 05.06.212A.460.2 código do proxecto 2025 00017 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Gastos subvencionables
1. Considéranse subvencionables os custos salariais nos que incorra a entidade local solicitante, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2025, relativos ao persoal dedicado á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal ou en espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial da entidade local.
2. Serán subvencionables os custos salariais do seguinte persoal:
a) Persoal propio da entidade local destinado aos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nas instalacións definidas no artigo 1 destas bases na parte correspondente á realización destes servizos.
b) Persoal contratado para a prestación dos servizos, que deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
3. De prestar o servizo de vixilancia, rescate e salvamento unha empresa externa mediante un contrato de servizos, serán subvencionables os gastos desta contratación, na contía que corresponda exclusivamente aos custos do devandito servizo prestado entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2025. Non se subvencionarán os custos destinados á prestación doutros servizos ou funcións, aínda que formen parte do obxecto do mesmo contrato de servizos.
4. En todo caso, as persoas destinadas á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento deberán estar inscritas, antes do inicio do período subvencionable, na sección correspondente do Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia.
De tratarse de persoal contratado, este requisito deberá cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.
5. De conformidade co establecido no artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.
6. En ningún caso o persoal do servizo de vixilancia, rescate e salvamento terá vínculo laboral nin doutro xénero coa Xunta de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 814098): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.






Sede Electrónica