Data:
Consellería de Emprego e Igualdade
Resolución do 7 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento SI435B, SI435A e SI427B). BDNS (Identif.): 614383.
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e promover o desenvolvemento de medidas e actuacións para a promoción da igualdade no ámbito local, a través dos seguintes programas:
a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar (procedemento SI435B): a través deste programa fináncianse as medidas ou programas de conciliación que teñan como obxectivo fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares, así como bancos de tempo creados co mesmo fin.
b) Programa de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero (procedemento SI435A): a través deste programa fináncianse actuacións orientadas a mellorar a situación das vítimas de violencia de xénero e/ou das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, así como as dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular.
c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres-CIM (procedemento SI427B): a través deste programa fináncianse os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero que prestan servizo no CIM.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.
Importe
As contías máximas das axudas nos diferentes programas son as seguintes:
a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar: a contía máxima da axuda será de 18.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 30.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
b) Programa de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero: a contía máxima da axuda será de 15.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 28.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM): a contía máxima da axuda será de 45.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
Para a concesión de estas axudas destínase crédito por un importe total de seis millóns cento sesenta e sete mil catrocentos oitenta e catro euros (6.167.484,00 euros), financiados con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.