Data:
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2015 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais de artes escénicas e de música e se convocan para o ano 2015.
Obxecto
Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
Beneficiarios
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
De acordo co establecido no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.
2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Agadic se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Modalidades de axuda e imputación de créditos
1. O financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destínase un total de 370.000 euros, dos cales 210.000 euros son para a modalidade A: festivais de música, e 160.000 euros para a modalidade B: festivais de artes escénicas, das aplicacións orzamentarias seguintes: 11.A1.432B.460.0, 120.000 euros; 11.A1.432B.470.0, 130.000 euros, e 11.A1.432B.481.0, 120.000 euros, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para o ano 2015. Ao estar distribuída a contía total máxima das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Contía
A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o orzamento do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.
A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 50 % do seu orzamento subvencionable, salvo para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, que poderá alcanzar ata un máximo do 65 % do orzamento subvencionable.
Requisitos
Para poder optar ás subvencións, o festival ten que cumprir os requisitos seguintes:
a) Celebración: o festival debe levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro do 2015. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro.
b) Antigüidade: o festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) Contratación artística: o festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable, para a modalidade A (festivais de música), e un 30 % do orzamento subvencionable para a modalidade B (festivais de artes escénicas).
d) Programación: o festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos.
e) Presenza de compañías galegas: só para a modalidade B (festivais de artes escénicas), as formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 30 % do total das actuacións profesionais artísticas que se ofrezan. Quedan excluídos do cumprimento deste requisito os festivais presentados á modalidade A (festivais de música).
f) Entradas de pago: polo menos un 50 % dos concertos ou representacións escénicas teñen que ser con entradas de pago, excepto os festivais de artes escénicas de rúa.
Quedarán excluídos de subvención aqueles festivais que non alcancen un mínimo de 50 puntos nos criterios de valoración. Non terán dereito a recepción de axuda aqueles festivais que non alcancen, polo menos, 25 puntos na letra B da base décimo primeira (valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención). Na programación do festival non poderán incluírse, en ningún caso, funcións contratadas a través da Rede galega de teatros e auditorios ou da rede galega de música ao vivo.
Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades subvencionadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Prazo
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 40 | 1.07 MB |