SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNICAS PARA O ANO 2020. PRAZO: 13-07-2020

Data: 

venres, 12 Xuño, 2020 (Todo o día) a luns, 13 Xullo, 2020 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais 

Resolución do 28 de maio de 2020 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se aproba a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT213A). BDNS (Identif.): 508815.

Finalidade

Establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT213A).

Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Requisitos dos festivais

Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) O festival debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2019 e o 31 de outubro do ano 2020. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2020 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.

b) O festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.

c) O festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 30 % do orzamento subvencionable.

d) O festival debe programar un mínimo de seis compañías.

e) As compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 60 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 60 % do total das actuacións profesionais artísticas que se programen.

f) Un mínimo do 30 % das representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de rúa e os celebrados en liña.

En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e no suposto de que tal previsión non figure ata o 50 % do seu importe.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se inclúan entre os seguintes:

– Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte, no cal se fará constar os logotipos do Xacobeo 2021 e da Xunta de Galicia, seguindo as súas normas de identidade corporativa.

– Aluguer de espazos e servizos e equipamentos técnicos.

– Cachés de compañías.

– Dotación de premios outorgados polo festival.

– Gastos de viaxes e aloxamento das persoas participantes nas actividades propostas, excluídas as mantenzas.

– Gastos derivados da xestión dos dereitos de autor.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Créditos, contías e límites

1. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 190.000 euros, en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes na Axencia Galega das Industrias Culturais, das aplicacións orzamentarias seguintes: 11.A1.432B.460.0, 50.000 euros, 11.A1.432B.470.0, 15.000 euros e 11.A1.432B.481.0, 125.000 euros do código de proxecto 2015-00003.

Ao estar distribuída a contía total máxima anual das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, do custo do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. A cantidade máxima que se pode solicitar e conceder é de 50.000 euros.

3. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 70 % do seu orzamento subvencionable. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá acadar ata un máximo do 85 % do orzamento subvencionable.

Prazo 

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: