Data:
Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2015 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual e se convocan para o ano 2016.
Obxecto
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de cine de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.
2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.
Beneficiarios
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
3. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
4. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación.
Créditos, contías e límites
1. O financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destínase un total de 105.000 euros das aplicacións orzamentarias seguintes:
– 10.A1.432B.460.0: 35.000 euros.
– 10.A1.432B.470.0: 35.000 euros.
– 10.A1.432B.481.0: 35.000 euros.
Ao estar distribuída a contía total máxima das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O expediente tramítase como anticipado de gasto, e no ano 2015 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.
2. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.
A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local e do 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.
Requisitos
Para poder optar ás subvencións, o festival ten que cumprir os requisitos seguintes:
a) Que se leve a cabo entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro.
b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.
c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores á publicación desta convocatoria.
d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.
Quedarán excluídos de subvención aqueles festivais que non alcancen un mínimo de 50 puntos nos criterios de valoración. Non terán dereito a recibir axuda aqueles festivais que non alcancen, polo menos, 15 puntos na letra B da base décimo primeira (valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención). Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades subvencionadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Prazo
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
![]() | 934.46 KB |