SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DO SECTOR AUDIOVISUAL CELEBRADOS EN GALICIA. PRAZO: 17-01-2020

Data: 

mércores, 18 Decembro, 2019 (Todo o día) a venres, 17 Xaneiro, 2020 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais 

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2019 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT215B). BDNS (Identif.): 486392.

Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que regularán, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apio a festivais de cinema de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT215B).

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10.1 da Lei de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de beneficiarias as persoas o entidades enumeradas na base cuarta que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención e concorran as circunstancias previstas na presente convocatoria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

3. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación.

4. Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas das entidades locais nas cales non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

5. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

Requisitos dos festivais para optar as axudas

1. Para optar a estas axudas os festivais terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de outubro de 2020. No dito cómputo enténdense incluídos tanto o 1 de novembro do ano da publicación da convocatoria como o 31 de outubro do seguinte.

Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro do ano 2020 e que se desenvolvan a maioría das actividades neste período, entendendo por maioría que superen o 50 % destas.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores ao ano da convocatoria respectiva.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

e) Que acaden unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos resultando excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación, tendo que ter, ademais, 15 puntos na letra B da base décimo sexta.

f) As actividades para desenvolver obxecto desta subvención non poden estar subcontratadas nin total nin parcialmente, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2020 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que unha vez aprobado o orzamento subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes en momento no que se producisen aqueles.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito global de 190.000 euros, código de proxecto 2015-0003 repartido nas aplicacións orzamentarias seguintes:

11.A1.432B.460.0: 20.000 euros.

11.A1.432B.470.0: 20.000 euros.

11.A1.432B.481.0: 150.000 euros

Ao estar distribuída a contía total máxima anual das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

5. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival, non poderá exceder do 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local, e o 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

En todo caso, a contía máxima que poderá solicitar é de 40.000 euros.

Prazo 

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: