SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS ENCAMIÑADAS AO ACONDICIONAMENTO E MELLORA DAS INSTALACIÓNS DOS ESPAZOS TERMAIS DE USO LÚDICO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 10-03-2022

Data: 

venres, 11 Febreiro, 2022 (Todo o día) a xoves, 10 Marzo, 2022 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación 

Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN308C). BDNS (Identif.): 609185.

Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dirixidas a entidades locais para fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias

Entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais, segundo la Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación dos aproveitamentos lúdicos das augas termais de Galicia, ou que, con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, incoasen o correspondente expediente para a obtención do citado título.

Financiamento e intensidade das axudas

O crédito destinado para as axudas é de 1.000.000,00 euros.

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 150.000,00 euros para cada solicitude.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible, neste caso, ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

 Actuacións e gastos subvencionables

Constitúen o obxecto destas axudas todas aquelas actuacións destinadas a acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico, que, entre outras, poderán ser das seguintes tipoloxías:

– Adquisición e instalación de caudalímetros.

– Adquisición e instalación de sistemas de bombeo.

– Adquisición e instalación de equipamentos de medición que formen parte da instalación.

– Colocación de sinalética.

– Obras de acometida e canalizacións de auga.

– Mellora dos espazos verdes e instalacións de lecer.

– Actuacións en vestiarios, duchas e aseos.

– Instalación de peches perimetrais.

– Mellora das condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións.

Consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de xustificación do investimento.

Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto/s, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) destas bases reguladoras.

Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar executadas en condicións de ser utilizadas, unha vez finalizado o prazo de xustificación.

De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: