SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS ALTERNATIVOS, MEDIANTE RENTING, CON DESTINO AOS CORPOS DE POLICÍA LOCAL. PRAZO: 06-07-2022

Data: 

martes, 7 Xuño, 2022 (Todo o día) a mércores, 6 Xullo, 2022 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes 

Orde do 1 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E). BDNS (Identif.): 631122.

Obxecto

Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia da subministración, mediante o sistema de renting, de vehículos eléctricos ou vehículos híbridos enchufables e non enchufables, que reúnan as condicións para obteren o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, con destino aos corpos de policía local para o exercicio das súas funcións.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións aqueles concellos de Galicia que subscribisen ou vaian subscribir un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022 e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter menos de 50.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en xaneiro de 2021, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitida a conta xeral do concello, correspondente ao exercicio orzamentario de 2020, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria ou interventora do concello.

c) Contar con corpo de policía local, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito ata un importe máximo de 600.000,00 € coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade Total anual
2022 112.500,00
2023 150.000,00
2024 150.000,00
2025 150.000,00
2026 37.500,00
Total 600.000,00

Gastos subvencionables e requisitos

1. Considéranse gastos subvencionables as cotas mensuais que deba aboar o concello beneficiario polo renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses posteriores á sinatura do contrato, contados desde a entrega do vehículo e efectivamente pagadas dentro do exercicio orzamentario a que correspondan.

En todo caso, o asinamento do contrato deberase formalizar dentro do ano natural 2022.

2. Os vehículos deberán reunir as características seguintes:

a. Serán vehículos turismo ou SUV, tipo coche patrulla, adscritos ao servizo do corpo de policía local.

b. Estarán especialmente equipados e transformados para o cumprimento das súas funcións e incluirán os elementos de configuración externa e o deseño para a marcación e rotulación dos vehículos á disposición das policías locais e vixilantes municipais recollidos na Orde do 29 de decembro de 2010 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 1, do 3 de xaneiro).

c. Os vehículos serán eléctricos ou híbridos enchufables ou non enchufables e deberán cumprir as condicións para obteren o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Máis Información

Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 631122): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Na Dirección Xeral de Administración Local.

Descargas: