Subvencións para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais. Prazo: 15-07-2026

Data: 

martes, 16 Xuño, 2026 (Todo o día) a mércores, 15 Xullo, 2026 (Todo o día)

 

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Orde do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486F).

BDNS (Identif.): 912128.

Obxecto

O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada á execución de tarefas específicas de prevención de incendios forestais, cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter unha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística

b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2024 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito ata un importe máximo de 1.087.500,00 €.

Proxectos subvencionables: tipos, requisitos e exclusións

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos investimentos que se relacionan a seguir, sempre que sexan acordes cos requisitos e condicións establecidos nestas bases reguladoras; no Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados, e na demais normativa de aplicación.

Os investimentos subvencionables, que non poden estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda, comprenden a adquisición de maquinaria, vehículos lixeiros e especiais e as súas adaptacións destinados ás brigadas de protección do ambiente e do espazo natural para a execución de tarefas específicas de prevención de incendios forestais, que se relacionan a seguir:

a) Vehículos e as súas adaptacións para mantemento e limpeza preventiva dos contornos de vías e camiños municipais:

– Miniescavadoras para traballos de roza e apertura de faixas de protección.

– Compactadoras ou rodetes (accesorios de tractor) que esmagan ou compactan matogueira e reducen combustible vexetal para prevención de incendios.

– Pequenos tractores con ou sen trituradora: para diversos labores e para a corta e trituración de matogueira.

– Rozadoira de brazo (accesorio de tractor): corta de matogueira en marxes.

– Rozadoiras autopropulsadas.

– Remolques basculantes para tractores e vehículos todoterreo: para transporte da biomasa ou combustible vexetal que debe retirarse da zona de corta e limpeza.

b) Maquinaria forestal lixeira eléctrica:

– Rozadoiras e motoserras para eliminar e controlar vexetación inflamable.

– Trituradores e mulchers lixeiros para reducir o volume de biomasa e minimizar o risco de inicio dun incendio.

c) Vehículos complementarios para as tarefas forestais de prevención e as súas adaptacións:

– Vehículos todoterreo ou UTV para transporte de persoal, maquinaria e ferramentas a zonas de traballo ou pouco accesibles.

– Remolques ou plataformas de transporte acoplables a UTV ou pequeno tractor, para transporte de maquinaria lixeira e equipamentos.

– Mini-camións: para transporte interno de cargas e restos vexetais, especialmente en zonas de difícil acceso.

A presente relación ten carácter orientativo e non limitativo. Admitirase a adquisición doutros vehículos, as súas adaptacións e maquinaria de características e finalidade semellantes, sempre que se xustifique que contribúe principalmente ao obxectivo de prevención de incendios forestais, e se axuste aos demais requirimentos establecidos nestas bases.

2. Os investimentos subvencionables non poderán estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda. Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda no modelo do anexo I. Considérase que o proxecto xa foi comezado cando exista un acordo do órgano competente da entidade local dispoñendo o inicio do procedemento de contratación.

3. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro dos prazos fixados nestas bases reguladoras e reúnan os requisitos establecidos nelas.

4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, aqueles que afectan de xeito xenérico o proxecto e que se determinan con base no método de custos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).

5. Son custos directos:

a) Os gastos da adquisición dos vehículos, as súas adaptacións e da maquinaria sempre que sexan imputables ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais para a execución dos proxectos relacionados nas letras a), b) e c) da alínea 1 deste artigo.

b) De acordo co previsto no artigo 64.1.c) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do 24 de xuño, e o artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o imposto sobre o valor engadido (IVE) considérase subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

6. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos na alínea 5 deste mesmo artigo.

7. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán elixibles:

a) Os xuros debedores das contas bancarias; os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, así como calquera outro recollido con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

c) Os investimentos de carácter inmaterial.

8. A adquisición de bens de segunda man será subvencionable sempre que se achegue a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens en que conste que nunca foron adquiridos con financiamento dunha subvención pública.

b) Certificación de taxador independente que acredite que o prezo do ben non é superior ao valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

9. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (en diante, RDC), todos os proxectos subvencionados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio DNSH debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar aos investimentos sostibles, que fixa os obxectivos ambientais para protexer: 1. Mitigación do cambio climático; 2. Adaptación ao cambio climático; 3. Uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños; 4. Transición cara unha economía circular; 5. Prevención e control da contaminación; 6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

De conformidade co exposto, na execución do obxecto da operación deberase prestar atención a garantir o cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» verificando que o contratista cumpre as seguintes condicións específicas:

– En relación co obxectivo ambiental 4 definido no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 (transición cara unha economía circular) e co fin de evitar que se produzan importantes ineficiencias no uso directo ou indirecto de recursos naturais en calquera das fases do ciclo de vida, os vehículos adquiridos deben cumprir cos seguintes requisitos:

• Ser reutilizables ou reciclables ata un mínimo do 85 % en peso.

• Ser reutilizables ou valorizables nun mínimo do 95 % en peso.

• Os vehículos de todos os tipos adquiridos ou operados non deben conter chumbo, mercurio, cromo hexavalente nin cadmio, salvo as exencións enumeradas no anexo II da Directiva 2000/53 / CE448.

Para verificar o cumprimento dos requisitos indicados achegarase unha certificación do fabricante.

– En atención a este principio, tamén deben cumprirse as medidas existentes para xestionar os residuos, tanto na fase de uso (mantemento), como ao cabo da vida útil dos vehículos, mesmo mediante a reutilización e a reciclaxe de baterías e produtos electrónicos (en particular as materias primas críticas que conteñen), de acordo coa xerarquía de residuos e a normativa existente ao respecto.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 912128): http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/912128

-Na Dirección Xeral de Administración Local.

Descargas: