Data:
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ORDE do 4 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 346613.
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2017.
O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.
O equipamento que se vai ceder distribúese nas seguintes liñas de axuda:
Liña 1: 10 vehículos todo terreo tipo pick-up.
Liña 2: 19 remolques para a atención ás emerxencias.
Liña 3: 7 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.
Liña 4: 9 baúis de salvamento.
Beneficiarios
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:
a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentase oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, caso en que a concesión da subvención queda condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2015, no Consello de Contas de Galicia.
c) Non ter recibido axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou organismos e entidades adscritas a esta para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído o 2017, de acordo co establecido no artigo 4.
d) No caso das mancomunidades ou agrupación de concellos, os servizos de emerxencia e protección civil deberán prestarse de xeito mancomunado. A presentación da solicitude de forma conxunta e mancomunada é incompatible coa solicitude individual dos concellos que a compoñen.
Crédito
A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 5 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos», tema prioritario 5.2 «Fomento do investimento para facer fronte aos riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes co desenvolvemento de sistemas de xestión de catástrofes», con cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0, código de proxecto 2016 00026.
Para estes efectos, tramitouse con anterioridade o correspondente expediente de contratación número 2017-SUEI 01-02-03-04-EM (número de referencia contable 2017-05-340), procedemento aberto e tramitación ordinaria, por importe de 847.300 euros (IVE incluído) para a adquisición dos equipamentos sinalados no artigo 1 desta orde.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.