Data:
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde do 22 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, para o ano 2024, para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR450A).
BDNS (Identif.): 777692.
Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2024.
O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos, co código de procedemento PR450A.
Entidades beneficiarias
Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:
a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que presentasen oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, quedando neste caso condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.
b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2022, no Consello de Contas de Galicia.
c) Que non recibisen o mesmo equipamento por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou organismos e entidades adscritos a esta con posterioridade ao 1.1.2015, destinado á prestación dos servizos de protección civil e emerxencias.
Se, unha vez asignado o equipamento ás entidades locais tendo en conta a condición anterior, quedase equipamento vacante, este será asignado a entidades locais que xa o recibisen despois do 1.1.2015, de acordo coa puntuación acadada na presente orde.
Importe
A actuación que se desenvolverá ten natureza de subvención en especie; o equipamento que se cederá distribúese nas seguintes liñas de axuda:
Liña 1. 28 kits de material loxístico de seguridade viaria.
Liña 2. 28 kits de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias.
Liña 3. 11 remolques para a atención ás emerxencias.
Liña 4. 21 tendas de campaña para emerxencias.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 777692): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.