Data:
Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2017. BDNS (Identif.): 336097.
Obxecto
Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que realicen accións de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articuladas en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Entidades beneficiarias
a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local cuxa titularidade corresponda integramente a esta, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2016 superior a 500 persoas, ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).
Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración ou mancomunadamente con outros.
b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións dependentes das anteriores con experiencia na realización de accións de información e orientación laboral.
c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras e sempre que estean constituídas como centros colaboradores especiais de orientación, e consten como tales na relación de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia ou, en caso contrario, xustifiquen a existencia dun colectivo cuantificable de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social que atender.
Contía das subvencións e período subvencionable
1. A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.
No caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a discapacitados, e en consideración coas especialidades no desempeño dos servizos de orientación que require este colectivo para garantirlle as mesmas posibilidades de atención e utilización dos servizos de orientación laboral en todo o territorio de actuación destes, a contía establecida no parágrafo anterior será de 28.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social.
En ambos os casos a citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.
2. O salario que percibirán as persoas contratadas como persoal técnico de orientación laboral será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación.
Prazo
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.