Data:
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
Orde do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2024 (código de procedemento TR331A).
BDNS (Identif.): 739411.
Obxecto
1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios de inserción ocupacional personalizados e dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e servizos inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2024, no ámbito da colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (código do procedemento TR331A).
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde:
a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que, por si soas ou asociadas entre concellos, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2023 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, polo menos, tres concellos galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).
Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.
b) As confederacións e asociacións empresariais e as organizacións sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.
c) As seguintes entidades sen ánimo de lucro, que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras:
– Entidades especializadas en atención a persoas con discapacidade de acordo co recollido nos seus estatutos.
– Entidades especializadas na atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de risco de exclusión social (persoas en procesos de rehabilitación de adiccións, persoas procedentes de cumprimentos de penas penitenciarias, pertencer a unha minoría étnica, muller vítima de violencia de xénero, ...) de acordo co recollido nos seus estatutos.
– Entidades non incluídas nas dúas liñas anteriores, que teñan entre as súas finalidades a atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade. As entidades desta epígrafe que non recibisen subvencións correspondentes a este procedemento en exercicios anteriores deben acreditar que teñen entre as súas finalidades estatutarias ou fundacionais a atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade e acreditar experiencia en accións de orientación laboral desenvoltas de acordo co previsto no artigo 3 destas bases reguladoras durante, polo menos, dous anos. Para estes efectos, deberá achegarse no momento da solicitude acreditación documental concreta referida á actividade desenvolta mediante a presentación de documentación das atencións realizadas adecuadamente anonimizada; programas executados; protocolos de actuación desenvoltos nos anos anteriores e calquera outra documentación xustificativa que a entidade considere oportuna. A documentación xustificativa deberá reflectir a atención a un número significativo de persoas en situación de vulnerabilidade.
Para os efectos desta orde, entenderase como entidade sen ánimo de lucro aquelas entidades en que concorra a forma xurídica de asociación ou fundación segundo a clasificación establecida pola Administración tributaria en relación co número de identificación fiscal (letra G).
Importe
Para a concesión destas axudas destínanse 2.780.000 euros a entidades locais e 4.350.000 euros a entidades sen ánimo de lucro, o que supón un total de 7.130.000 euros.
Contía
Unha contía de 28.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses.
Unha contía de 31.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, no caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 739411): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans
-Na Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.