SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN E/OU MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS, DOTACIÓNS, INSTALACIÓNS E EQUIPAMENTOS VINCULADOS Á PRESTACIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS PARA O ANO 2016. PRAZO: 29-01-2016

Data: 

mércores, 30 Decembro, 2015 (Todo o día) a venres, 29 Xaneiro, 2016 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Obxecto e bases reguladoras

1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2016, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, que se indican a seguir:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de iluminación público.

b) Pavimentación de vías públicas municipais, que non estean incluídas no programa de mellora de camiños de titularidade municipal.

c) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos: prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

2. Para rendibilizar os recursos económicos das administracións públicas en prol ao cumprimento dos principios de eficacia, eficiencia e economía que debe presidir toda actividade administrativa, as actuacións previstas na presente orde e integradas dentro da correspondente medida do PDR evitarán toda duplicidade con outras actuacións financiadas con cargo ao programa e xestionadas polas distintas unidades administrativas da Xunta de Galicia.

3. O obxecto desta orde, de conformidade coa submedida 7.40 do PDR 2014-2020, é proporcionar á poboación rural os servizos básicos que cubran as súas principais necesidades, proporcionando benestar e facilitando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a implantación e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas das áreas rurais.

Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2014, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2014 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, deberán cumprir con estes requisitos todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación do requisito de remisión das contas ao Consello de Contas por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes, sempre e cando unha delas sexa individual, e a outra sexa unha solicitude conxunta, de agrupacións ou asociacións de concellos. En todo caso, ambas as solicitudes deberán ser para actuacións diferentes.

A inclusión dun concello nunha solicitude de xestión compartida dunha asociación ou agrupación de concellos exclúe a posibilidade de participar con outros concellos noutra solicitude e só é compatible coa presentación dunha solicitude individual de concellos.

Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha solicitude individual de concellos e/ou en máis dunha solicitude de agrupacións ou asociacións de concellos, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibida a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.

b) Os proxectos non poderán estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta expedida por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou polo/a secretario/a do concello no modelo do anexo VI que reflicta fidedignamente o non inicio dos traballos previstos na solicitude de subvención.

c) Con carácter xeral, cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Malia o anterior, nas solicitudes para investimentos presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos cada proxecto deberá corresponderse cunha única actuación e constituirá causa expresa de inadmisión a presentación de solicitudes conxuntas para a realización dun proxecto de investimento que inclúa máis dunha actuación.

Para os efectos desta orde, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

Cada actuación virá definida no documento que corresponda segundo a súa tipoloxía:

a. Equipamento: memoria detallada e valorada.

b. Obras: proxecto/s ou anteproxecto/s.

O orzamento total da solicitude, e xa que logo do proxecto, é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, con exclusión do IVE.

d) Que sobre os terreos ou predios en que se pretenden realizar as actuacións o concello teña a titularidade municipal e a plena dispoñibilidade ou unicamente a dispoñibilidade. Estes requisitos deberán estar cumpridos antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditaranse mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III, segundo proceda. Neste último caso, a certificación emitirase con base na emitida pola secretaría do concello que detente a titularidade ou a dispoñibilidade dos terreos ou predios en que se vaian desenvolver as actuacións que integran o proxecto.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena dispoñibilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicos en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

Sen prexuízo do anterior, para os efectos do establecido no artigo 198.5 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, entenderase que concorre a plena dispoñibilidade se non existe limitación para o uso pretendido, acreditada nun informe urbanístico favorable.

e) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde con base no proxecto, anteproxecto ou memoria detallada ou valorada, segundo o caso, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III. Neste último caso, emitirase a certificación con base nos acordos adoptados, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, por cada un dos concellos que integran a asociación ou agrupación, e incluirá a designación dun/dunha alcalde/sa como representante único/a que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

f) Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Para os efectos desta orde, consideraranse solicitudes conxuntas aquelas que supoñan a execución de actuacións ou a prestación de servizos en beneficio dos intereses comúns das entidades agrupadas.

3. Os concellos que desexen formular unha solicitude conxunta deberán regular a agrupación ou asociación mediante un convenio de colaboración que achegarán xunto coa solicitude e que terá o contido mínimo obrigatorio que se establece no artigo 7.8 desta orde.

4. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 2471.26 MB