Data:
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ORDE do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. BDNS(Identif.): 329098.
Obxecto
1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, que se indican a seguir:
a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.
b) Pavimentación de vías públicas municipais, que non estean incluídas no programa de mellora de camiños de titularidade municipal.
c) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos: prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís.
d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2015, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Gastos subvencionables
1. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.
2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 45 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, e demais normativa de aplicación.
3. Serán gastos subvencionables aqueles que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ser proxectos que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación, na forma establecida nos artigos 6 e 7 destas bases reguladoras.
Non obstante, consideraranse subvencionables os custos xerais previstos no artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) 1305/2013, tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros, e a compra de terreos ata un 10 % dos custos totais subvencionables da operación de que se trate, aínda que estes gastos sexan anteriores á presentación dunha solicitude de axuda, sempre que se trate de gastos imputables ao exercicio orzamentario 2017.
b) En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de investimentos, polo que serán subvencionables a execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.
c) As actuacións que se subvencionarán deberán responder ás seguintes tipoloxías:
a. Construción, adquisición ou mellora de inmobles.
A adquisición de terreos será subvencionable sempre que se cumpran as seguintes condicións:
1. Non estar edificados, ou que o estean con construcións que teñan que ser demolidas como medio para o desenvolvemento e execución da actividade subvencionable.
2. Que importe do investimento aplicable á adquisición de terreos non supere o 10 por cento do importe total dos gastos subvencionables da operación.
3. Presentar un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, en que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.
No tocante á compra de edificios, o importe do investimento aplicable á adquisición do edificio, non superará o 10 por cento do importe total dos gastos subvencionables da operación. Deberá achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado ou de órgano ou organismo público debidamente autorizado, no cal se confirme que o prezo de compra non excede o valor de mercado.
Os edificios non poderán ter recibido, nos últimos dez anos, ningunha subvención nacional ou comunitaria e non poderán ter albergado servizos comunitarios de carácter público.
b. Obra civil, maquinaria e bens de equipo, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, así como outros investimentos materiais e inmateriais necesarios para a execución do proxecto.
c. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros. O importe total dos custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.
d) Serán proxectos completos (fase única) e susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.