Data:
Consellería de Política Social
Orde do 16 de abril de 2018 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. BDNS (Identif.): 395380.
Obxecto
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro, e se procederá á súa convocatoria para o ano 2018. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Registro de Acción Voluntaria de Galicia a mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten de acordo con esta convocatoria.
Entidades beneficiarias
Entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Servizo de voluntariado xuvenil desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2018.
Proxectos subvencionables
1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria, pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2018. As xornadas diarias serán de 6 horas, como mínimo, e se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.
3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte o previsto no anexo I, indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.
4. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Nesta convocatoria poderán participar persoas voluntarias que xa colaboraran como voluntarias/os noutra convocatoria anterior do programa Servizo de voluntariado xuvenil.
5. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias dos participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor dos participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.
6. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.
7. No caso de que a solicitude se presentase por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.
8. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que rematase este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 6.
9. En caso de que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables mozos/as maiores de 16 anos e menores de 18, a entidade beneficiaria deberá obter a correspondente autorización do pai, nai ou titor legal, a cal remitiran xunto coa xustificación da axuda. En caso de persoas voluntarias de nacionalidade distinta á española, precísase, ademais, certificado de empadroamento nun concello de Galicia.
Contía
A contía global da convocatoria é de trescentos trinta e seis mil novecentos oitenta e cinco euros con corenta e un céntimos (336.985,41 €), dos que con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.460.0, por un importe de cento sesenta e tres mil seiscentos euros e catorce céntimos (163.600,14 €), son para entidades locais, mentres que os restantes cento setenta e tres mil trescentos oitenta e cinco euros con vinte e sete céntimos (173.385,27 €) son para entidades de acción voluntaria con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.312F.460.0. Finánciase o 100 % do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior aos 4.800 €.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.