SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA VOLUNTARIADO SÉNIOR. PRAZO: 30-04-2021

Data: 

xoves, 1 Abril, 2021 (Todo o día) a venres, 30 Abril, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

Orde do 17 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento BS508C). BDNS (Identif.): 555031.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais para a realización de actividades enmarcadas no programa Voluntariado sénior, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten e dentro dos sectores de actuación de acordo con esta convocatoria.

Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago e co Xacobeo 2021.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.

d) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

e) Actividades orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

f) Actividades orientadas á humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade en que se moven de xeito habitual.

g) Actividades relacionadas co fomento da utilización das TIC por e para este colectivo.

h) Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.

i) Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.

j) Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutua.

k) Actividades novas adaptadas ao novo escenario xerado para facer fronte á COVID-19.

2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021. As xornadas diarias serán de 3 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 3 horas.

3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte o previsto no anexo I indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias con que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

4. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto.

5. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto.

6. No caso de que a solicitude a presentasen varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

7. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que este remate, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero aboaránselle a cada unha delas os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co número 4 do artigo 6.

Contía

A contía global da convocatoria é de cen mil euros (100.000,00 euros), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, corenta e cinco mil euros (45.000 euros) se destinarán ás entidades locais e, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, cincuenta e cinco mil euros (55.000 euros) se destinarán ás entidades de acción voluntaria.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 2.400 euros, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 6.000 euros, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: