SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL. PRAZO: 30-04-2021

Data: 

xoves, 1 Abril, 2021 (Todo o día) a venres, 30 Abril, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

Orde do 18 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS320A). BDNS (identif.): 555241.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais para a realización de actividades enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozas/os galegas/os para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten dentro dos sectores de actuación de acordo con esta convocatoria.

Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozas/os de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da/o nai/pai ou titora/titor legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria, pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades con colectivos en situación de risco.

d) Actividades xuvenís.

e) Actividades ambientais.

f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.

g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

j) Actividades relacionadas coa COVID-19 no actual contexto de crise sociosanitaria.

2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021. As xornadas diarias serán de 6 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte o previsto no anexo I e indicarán, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

4. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Permitirase participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior.

5. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias das persoas participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor das persoas participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

6. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto.

7. No caso de que a solicitude a presenten varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

8. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias ten que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero a cada unha delas aboaránselles os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co número 4 do artigo 6.

Contía

A contía global da convocatoria é de douscentos cincuenta e cinco mil euros (255.000,00 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, cento vinte mil euros (120.000,00 €), se destinarán ás entidades locais, mentres que os restantes cento trinta e cinco mil euros (135.000,00 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 12.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: