SUBVENCIÓNS PARA O COFINANCIAMENTO DE PROXECTOS DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS. PRAZO: 07-08-2017

Data: 

sábado, 8 Xullo, 2017 (Todo o día) a luns, 7 Agosto, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria. BDNS (Identif.):353677.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas que vaian desenvolver en Galicia nos anos 2017, 2018 e 2019, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Esta orde regula o procedemento recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código SA463G.

Beneficiarios

Poderán solicitar estas subvencións todos aqueles concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupados, un proxecto de prevención obxecto da presente orde.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello e mancomunidade, agás no caso das agrupacións de concellos, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, os concellos integrantes da agrupación nomearán un representante único do proxecto conxunto, que actuará como coordinador e interlocutor ante a Consellería de Sanidade.

Ningún concello poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Requisitos

1. A creación ou existencia dunha unidade ou servizo de prevención de condutas adictivas que estará constituída, polo menos, por un/unha profesional con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnico/a do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

2. Contar coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento das funcións, dos programas e das actividades que deberá levar a cabo.

3. A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2017, 2018 e 2019 orientado á prevención das condutas adictivas.

4. O proxecto de prevención comprenderá os programas definidos no artigo 5 que a entidade solicitante considere oportunos (ata un máximo de 12), dentro dos cales necesariamente se incluirá, como mínimo, un do ámbito escolar, outro do familiar e outro do xuvenil.

5. Estar inscrito/a, no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro. No caso das solicitudes de agrupacións ou mancomunidades de concellos, será suficiente con que este requisito o cumpra un dos concellos.

6. O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, que poderá ser de carácter municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presente un proxecto común. A poboación destinataria do proxecto comprobarase no último padrón municipal publicado polo Instituto Galego de Estatística o día que remate o prazo de presentación de solicitudes.

7. A entidade solicitante optará necesariamente á clase que lle corresponda en función da poboación que abranga o seu proxecto. Se un concello se asocia con outro co fin de desenvolver un proxecto común nun mesmo ámbito territorial de actuación, deberán determinar cal deles será o interlocutor coa Consellería de Sanidade e o receptor da subvención.

8. As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares desenvoltas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

9. As entidades solicitantes deberán ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do pasado exercicio, de acordo co disposto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

10. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

11. Presentar a solicitude no prazo e na forma que establece o artigo 12.

12. Todos os materiais e publicacións (en formatos físicos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán ser revisados e aprobados polo Servizo de Prevención de Condutas Adictivas. Os materiais que utilicen a imaxe corporativa da Consellería de Sanidade deberán cumprir, ademais, cos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:

1. Serán programas básicos os seguintes:

a) Ámbito escolar: «PPCDE/saúde na escola» e «Non pasa nada pasa algo?».

b) Ámbito familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».

c) Ámbito xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».

2. Serán programas complementarios:

a) Os seguintes programas da carteira de servizos: «Ao alcance», «Cine e saúde», «Odisea», «Creative», «Acais», «Información-sensibilización» e «Formación de mediadores».

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.

Poderase presentar ata un máximo de 5 programas complementarios.

Os programas da carteira de servizos «Alternativa», «Sísifo», «Itínere» e «Penélope» non serán valorados nesta convocatoria de axudas.

Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde ascende a 1.475.642,00 euros e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1102.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en tres anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2017: 368.910,50 €.

b) Ano 2018: 737.821,00 €.

c) Ano 2019: 368.910,50 €.

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Descargas: