SUBVENCIÓNS PARA O EQUIPAMENTO E MELLORA DAS INSTALACIÓNS E LOCAIS UTILIZADOS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS. PRAZO: 19-03-2020

Data: 

xoves, 20 Febreiro, 2020 (Todo o día) a xoves, 19 Marzo, 2020 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura e Turismo

Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT211B). BDNS (Identif.): 495776.

Finalidade

Continuar co labor de mellorar a infraestrutura dos equipamentos culturais co fin de dotar dos medios necesarios para que as entidades locais comprometidas coa acción cultural poidan executar os seus programas culturais, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.

Entidades beneficiarias

Concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

As entidades relacionadas deberán ser titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas, e os locais culturais deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano ou prestar un servizo público-cultural de carácter continuado, agás no caso de locais cuxo proxecto supoña a posta en funcionamento destes.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Actuacións subvencionables

Serán subvencionables os proxectos constituídos polas actuacións que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de novembro de 2020.

1. Serán obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais; a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local para o que se solicita a axuda, e en concreto: realización de investimentos en equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, equipamento xeral, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

2. Cando un inmoble destinado a actividades culturais acolla pola súa vez distintos locais culturais, e o equipamento solicitado afecte a dous ou máis locais ou ao inmoble no seu conxunto, considerarase este ultimo como local obxecto de subvención.

Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432B.760.0

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 30.000,00 €, que en ningún caso poderá superar o 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000,00 € ascenderá a 35.000,00 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar). O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Descargas: