SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA COMERCIALIZACIÓN DA ARTESANÍA GALEGA E IMPULSO DA COMPETITIVIDADE DO SECTOR ARTESÁN. PRAZO: 14-09-2015

Data: 

sábado, 15 Agosto, 2015 (Todo o día) a luns, 14 Setembro, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Economía e Industria 

ORDE do 6 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201G).

Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento e a comercialización da artesanía galega a través do apoio aos obradoiros artesanais, concellos galegos e asociacións profesionais e empresariais de artesáns.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e conta co financiamento nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013,L352/1), así como aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo), 1083/2006 (DOUE do 31 de xullo) e 1828/2006 (DOUE do 15 de febreiro 2007) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as desenvolvidas por titulares de obradoiros artesanais, concellos galegos e asociacións profesionais e empresariais de artesáns que a seguir se especifican, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2014 exixidos para a participación en eventos expositivos do ano 2015 e, se for o caso, gastos de feiras que se celebrarán no mes de decembro de 2015.

Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación das actuacións.

1) Para titulares de obradoiros artesanais.

Consideránse actuacións subvencionables:

a) A participación como expositor en feiras profesionais nacionais ou celebradas no estranxeiro en que non se realiza venda directa con retirada de mercadoría.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento, cun máximo de 2.000 euros de subvención por certame, impostos excluídos.

b) A participación como expositor en feiras non profesionais de artesanía, fóra do ámbito da Comunidade Autónoma, que se celebren nos mercados nacionais ou internacionais.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento superior a 500 euros, cun máximo de 900 euros de subvención por certame, impostos excluídos.

c) A participación como expositor en accións comerciais emerxentes de carácter temporal e presentación de produtos en pop ups, corners e showrooms.

A porcentaxe subvencionable acadará o 50 % do investimento superior a 500 euros, cun máximo de 900 euros de subvención por actuación, impostos excluídos.

Son gastos subvencionables os que ocasione o aluger do espazo expositivo que se contrata, seguros e aqueles servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento da feira. No caso de actuacións recollidas na alínea a), serán subvencionables, ademais, os gastos que ocasionen a contratación de servizos de tradución e o transporte internacional do material expositivo.

O importe máximo de subvención, para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar 7.000,00 euros, IVE excluído.

2) Para concellos.

Consideránse actuacións subvencionables a organización e celebración de feiras de artesanía:

a) Feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional, cun número mínimo de 15 edicións, incluíndo a edición en curso. A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento cun máximo de 15.000 euros de subvención por feira.

b) Feiras non monográficas de distintos oficios cun número mínimo de 5 edicións, incluíndo a edición en curso. A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento. O importe máximo de subvención será de 3.000 euros por feira se contan cun mínimo dun 80 % de expositores de produtos artesanais inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns). Para as que non alcancen o 80 % de expositores mencionados, o importe máximo de subvención será de 1.500 euros por feira.

Son gastos subvencionables a infraestrutura, servizos propiamente feirais e publicidade.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables, non poderá superar 15.000 euros.

3) Para asociacións profesionais e empresariais de artesáns.

Consideránse actuacións subvencionables:

a) Organización de feiras de artesanía no ámbito da Comunidade Autónoma, de distintos oficios cun número mínimo de 15 edicións, incluíndo a edición en curso, e conten cun mínimo dun 80 % de expositores de produtos artesanais inscritos na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns). A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento cun máximo de 15.000 euros de subvención por certame.

Son gastos subvencionables a infraestrutura, servizos propiamente feirais e publicidade.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar os 30.000 euros.

b) Participación como expositor en feiras profesionais nacionais ou celebradas no extranxeiro en que non se realiza venda directa con retirada de mercadoría.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento, cun máximo de 7.000 euros de subvención por feira.

Son gastos subvencionables os que ocasione o aluger do espazo expositivo que se contrata, seguros e aqueles servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento da feira, así como os gastos que ocasionen a contratación de servizos de tradución e o transporte internacional do material expositivo.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar os 15.000 euros.

5. Actuacións e gastos non subvencionables:

a) Gastos derivados da participación en feiras: construción das casetas, seguros non obrigatorios, vixilancia, contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes (coas excepcións recollidas nos puntos anteriores), axudas de manutención, desprazamentos, aloxamento e publicacións.

b) Organización e celebración de feiras: gastos derivados de seguros non obrigatorios, axudas de manutención, desprazamentos e aloxamento, regalos promocionais e a realización de cócteles e actos análogos, gastos de persoal propio da entidade de que se trate, así como calquera outro gasto derivado da súa actividade habitual.

c) Organización, celebración e participación de feiras de carácter gastronómico e turístico.

d) Os impostos recuperables ou repercutibles polo/a beneficiario/a e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

e) Aquelas que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable, e/ou directamente relacionada coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, que cumpran o seguinte requisito:

– Figurar o obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de prazo ata a data límite de presentación da solicitude de subvención para solicitar a inscrición no dito rexistro.

b) Asociacións profesionais e empresariais de artesáns de Galicia legalmente constituídas que cumpran o seguinte requisito:

– Que aomenos 10 dos seus membros figuren inscritos na sección segunda (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

c) Concellos que cumpran o seguinte requisito:

– Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que organicen feiras de artesanía.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

 

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1541.19 MB