Data:
Consellería de Economía, Emprego e Industria
ORDE do 26 de xaneiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se convocan para o ano 2017. BDNS (Identif.): 332011.
Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para realizar actividades de impulso e fomento do cooperativismo e a economía social, a través dos seguintes programas de axudas:
Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (procedemento TR802H).
Programa II. Oficinas locais de fomento cooperativo (procedemento TR802Z).
Programa III. Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social (procedemento TR811A).
Entidades beneficiarias
1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda:
a) As asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.
b) Os concellos de Galicia, a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios, dun consorcio local, ou dunha agrupación dun mínimo de catro concellos que pertenzan a unha mesma zona, nos termos e para as actuacións previstas no programa II.
c) As fundacións e asociacións, as cámaras de comercio, as universidades, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais e outras entidades sen ánimo de lucro, sinaladas nas alíneas d), e), f) e g) do número 1 do artigo 5 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, que teñan formalizada a súa adhesión a esta rede por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde, para as actuacións e nos termos previstos no programa III.
Financiamento
O orzamento total ascende a un millón cincuenta e catro mil cento trinta euros (1.054.130 €) e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:
Programa I: 624.130 € (09.40.324C.481.1).
Programa II: 300.000 € (09.40.324C.460.0).
Programa III: 130.000 € (09.40.324C.481.1).
PROGRAMA II. OFICINAS LOCAIS DE FOMENTO COOPERATIVO E DA ECONOMÍA SOCIAL (PROCEDEMENTO TR802Z)
Este programa ten por obxecto incentivar a participación dos concellos e doutras entidades locais de Galicia no labor de promoción e fomento do cooperativismo e a economía social, subvencionando os gastos da creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo e da economía social, así como a realización de actividades.
Actividades e gastos subvencionables
1. As actividades obxecto de subvención consistirán na creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo e da economía social que realicen actividades de promoción e fomento do cooperativismo e a economía social dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia, en particular mediante o estímulo do autoemprego e o emprendemento colectivo e o apoio á xeración de novos proxectos de economía social.
2. Estas oficinas deberán integrarse na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e desenvolver as súas actividades en colaboración coas entidades que forman parte dela, estean ou non radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Poderase subvencionar a contratación de persoal técnico asesor en materia de fomento cooperativo por parte da entidade beneficiaria, sempre que se dedique a tempo completo a tal fin. Igualmente, poderase subvencionar o alugamento de locais que resulten necesarios para o funcionamento das referidas oficinas.
4. Unicamente será subvencionable unha oficina de fomento cooperativo e da economía social por cada solicitude presentada, así como un único local e unha única persoa técnica, independentemente do número de concellos que agrupe.
5. Cando exista oficina de fomento cooperativo e da economía social poderán ser subvencionables as actividades de promoción e fomento do cooperativismo e da economía social que estean dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia. A título de exemplo, poderán consistir na elaboración de plans estratéxicos de carácter plurianual para o desenvolvemento da economía social no ámbito territorial de referencia, desenvolvemento de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios, celebración de feiras, mostras, congresos, así como actividades de fomento de viveiros de empresas de economía social.
6. Serán subvencionables os custos directos de calquera tipo vencellados a accións formativas e divulgativas en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos/as, xustificada na forma establecida nesta orde e sempre que, polo menos, o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.
Consideraranse custos directos os seguintes:
a) As retribucións do persoal formador interno e externo, incluídos salarios, seguros sociais, axudas de custo e gastos de desprazamento, todos os custos imputables ao persoal formador no exercicio das actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes das accións formativas.
b) Os gastos de amortización de equipamentos didácticos e plataformas tecnolóxicas, calculados con criterios de amortización aceptados en las normas de contabilidade, así como o alugamento ou arrendamento financeiro destes, excluídos os xuros, soportados na execución das accións formativas e de xeito proporcional a estas.
c) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas, incluíndo o material de protección e seguridade. Así mesmo, no caso da teleformación, os custos imputables aos medios de comunicación utilizados entre o persoal formador e participantes.
d) Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os xuros, ou amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas na realización da formación.
e) Gastos de seguro de accidentes das persoas participantes.
f) Gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.
Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por acción formativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.
Así mesmo, serán subvencionables os custos indirectos e os gastos correspondentes á organización das actividades sempre que non superen o 30 % do custo total da actividade realizada e xustificada.
Considéranse custos indirectos e gastos de organización os seguintes:
a) Os custos de persoal de apoio tanto interno como externo e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.
b) Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a adecuada preparación ou execución desta. No serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.
c) Outros custos: electricidade, auga, calefacción, mensaxaría, comunicacións, limpeza e vixilancia, asociados á execución da actividade formativa.
De conformidade co artigo 29, punto 9, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estes custos serán imputados polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
7. Para as actividades divulgativas e formativas, non serán subvencionables os gastos correspondentes a manutención, tales como servizos de comidas e pausa-café.
8. No caso de xustificar gastos de persoal só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade, incluídas as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 32 | 1.26 MB |
DOG Nº. 32 - EXTRACTO | 448.45 KB |