SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO E MELLORA DA EMPREGABILIDADE NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS. PRAZO: 28-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a domingo, 28 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (procedemento TR351A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos das obras ou servizos

1. As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a porcentaxe mínima de persoas traballadoras desempregadas que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

e) Que sexan proxectos que consideren profesións que favorezan a inserción laboral.

f) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolveran a prestación dos servizos non supere os tres meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, de ata o 50 por cento, a dita duración máxima poderá estenderse ata os seis meses.

2. No caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co apartado 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Subvención: contía

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 2.700 €.

Para o grupo de cotización 2: 2.200 €.

Para o grupo de cotización 3: 2.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 1.900 €.

Para o grupo de cotización 5: 1.800 €.

Para o grupo de cotización 6: 1.700 €.

Para o grupo de cotización 7: 1.600 €.

Para o grupo de cotización 8: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 9: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 10: 1.500 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248515.11 KB
PDF icon DOG Nº. 18 (Ano 2016)630.06 KB