SUBVENCIÓNS PARA O PROGRAMA CULTURA NO CAMIÑO 2023. PRAZO: 17-04-2023

Data: 

xoves, 16 Marzo, 2023 (Todo o día) a luns, 17 Abril, 2023 (Todo o día)

 

Axencia Galega das Industrias Culturais

Resolución do 1 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o programa Cultura no Camiño, cara ao fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT302B). BDNS (Identif.): 679744.

Finalidade

Establecer as bases reguladoras das subvencións destinadas a cofinanciar programacións culturais realizadas por entidades locais polas que discorren os diferentes camiños de Santiago para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2023.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, polos que discorren os diferentes camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles en que se ditou acordo de inicio para a súa tramitación.

Importe

O financiamento destas axudas nesta convocatoria realizarase en todo caso en función das dispoñibilidades orzamentarias, destinándose un crédito global de 250.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003.

Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, correspondan aos cachés das compañías/grupos que configuran a programación.

2. O gasto considerarase realizado, con carácter xeral, cando se contabilice o recoñecemento da obriga por parte do órgano competente da entidade local, con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases.

As entidades locais beneficiarias deberán acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data de ingreso na conta bancaria da entidade local beneficiaria do aboamento da subvención, de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, de 6 outubro, pola que se regula as especialidades de subvencións ás entidades locais galegas.

3. Non serán gastos subvencionables:

– Os gastos derivados de calquera tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

– Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos dos procedementos xudiciais.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Axencia Galega das Industrias Culturais por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 679744): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

-Nos teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

-No enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

Descargas: