Data:
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, susceptibles de ser cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D).
BDNS (Identif.): 739709.
Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas subvencións aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter unha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística
b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2022 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Proxectos subvencionables: tipos, requisitos e exclusións
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos proxectos de investimento que se relacionan a seguir, sempre que sexan acordes cos requisitos e condicións establecidos nestas bases reguladoras, no Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados, e na demais normativa de aplicación:
a) Obras de mellora da envolvente térmica dos edificios e infraestruturas municipais, entre outras, illamentos en cubertas e fachadas e/ou a instalación de carpintarías exteriores e acristalamentos con boas características térmicas.
b) Obras de instalación de sistemas de iluminación eficiente no interior dos edificios e infraestruturas municipais; entre outros, a instalación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial ou de control de intensidade e acendido.
c) Obras de mellora dos sistemas de climatización e calefacción nos edificios e infraestruturas municipais, que poderán incluír a integración de fontes de enerxía renovable, sempre que se trate de proxectos integrais cuxo obxecto principal sexa a mellora da eficiencia enerxética.
Para os efectos da súa valoración, consideraranse proxectos integrais aqueles que combinen polo menos dúas das tipoloxías de actuacións das letras a), b) e c) anteriores.
2. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda. Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda no modelo do anexo I. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un acordo do órgano competente da entidade local que dispoña o inicio do procedemento de contratación.
Neste sentido, os traballos preparatorios, como a redacción do proxecto, a certificación enerxética do edificio ou a realización dunha auditoría enerxética, entre outros, non se consideran inicio dos traballos, sempre que se contratasen e executasen con data posterior ao 1 de xaneiro de 2024.
3. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro dos prazos fixados nestas bases reguladoras e reúnan os requisitos establecidos nelas.
En todo caso, para seren subvencionables os proxectos deberán ser de execución plurianual; polo tanto, as obras teñen que iniciarse en 2024 e a súa execución non poderá exceder a data fixada para a anualidade 2025 no artigo 18 destas bases reguladoras.
4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, aqueles que afectan de xeito xenérico o proxecto e que se determinan con base no método de custos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
5. Son custos directos:
a) Os gastos das obras imputables ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais para a execución dos proxectos relacionados nas letras a), b) e c) da alínea 1 deste artigo, incluídos os gastos derivados da implantación de sistemas de contabilización, xestión e medición do consumo enerxético e de sistemas de xestión enerxética. Para estes efectos, considéranse subvencionables os custos de execución material máis os gastos xerais e o beneficio industrial, de ser o caso.
b) Son tamén subvencionables os custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría correspondentes á redacción dos proxectos técnicos, dirección de obra ou coordinación de seguridade e saúde, ou a realización das auditorías e das certificacións enerxéticas, sempre que se contratasen e executasen con data posterior ao 1 de xaneiro de 2024. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.
c) De acordo co previsto no artigo 64.1.c) do Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño, e o artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o imposto sobre o valor engadido (IVE) considérase subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.
6. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.1.a) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos na alínea 5 deste mesmo artigo.
7. Para seren subvencionables os proxectos deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Para garantir a contribución desta liña de subvencións ao cumprimento dos obxectivos do programa, os proxectos deberán acreditar, na forma establecida no artigo 6.5, unha redución mínima inicial do 20 % en consumo anual de enerxía primaria non renovable e nas emisións de gases de efecto invernadoiro.
b) Terán a consideración de edificio ou infraestrutura destinados á prestación de servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou coa prestación dos servizos incluídos no artigo 26 da mesma lei.
c) Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata para o cumprimento da finalidade a que están destinados como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.
8. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán elixibles:
a) Os xuros debedores das contas bancarias; os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, así como calquera outro recollido con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.
c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos na alínea 5 deste artigo.
d) A adquisición de terreos.
e) As obras de reparación e de mantemento imputables ao capítulo 2 do orzamento de gastos da entidade local, os proxectos de redes de luz pública exterior, os proxectos de iluminación que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas nos edificios públicos.
f) Os investimentos que reformen, substitúan ou modifiquen outros financiados anteriormente cunha subvención concedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou por unha entidade instrumental integrante do sector público autonómico, dos cales aínda non pasasen cinco anos desde a data de certificación do gasto.
9. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (en diante, RDC), todos os proxectos subvencionados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).
Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito ata un importe máximo de 5.333.334,00 €, coa seguinte distribución por anualidades:
Ano | Feder (60 %) | Fondos propios da Comunidade Autónoma (20 %) | Total |
2024 | 2.000.000,00 | 666.667,00 | 2.666.667,00 |
2025 | 2.000.000,00 | 666.667,00 | 2.666.667,00 |
Totais | 4.000.000,00 | 1.333.334,00 | 5.333.334,00 |
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 739709): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Administración Local.