Data:
Axencia Instituto Enerxético de Galicia
Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024 (código de procedemento IN418E).
BDNS (Identif.): 734189.
Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran cos requisitos e condicións establecidos nelas (código de procedemento IN418E).
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as seguintes persoas en función do tipo de actuación:
a) Planificación enerxética de entidades locais: as entidades que integran a Administración local conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, ou as agrupacións das entidades anteriores en base con base nun acordo marco no que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación.
b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Sen prexuízo de que poidan presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.
Proxectos subvencionables
Son proxectos subvencionables as actuacións que se detallan a continuación en función da tipoloxía da solicitante:
a) Planificación enerxética de entidades locais:
Contratación dos servizos xurídicos e/ou técnicos precisos para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais. Como resultado debe obterse:
– Un estudo estratéxico para a subministración enerxética da entidade local en que se prevexa a promoción do aforro enerxético.
– Publicación no perfil do órgano de contratación, cando legalmente proceda, dun proceso de contratación centralizada de subministración enerxética, que aglutine, cando menos, os concellos agrupados na solicitude ou representados pola entidade local.
No caso de entidades locais que non sexan concellos, a actuación será subvencionable en canto os servizos de planificación enerxética se dirixan aos concellos que represente a entidade local e conten co acordo do concello para a solicitude da axuda.
No caso de concellos sen agrupar, só poderán acceder á axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas. Os concellos teñen que participar con, polo menos, unha das súas subministracións nos pregos que se elaboren conxuntamente e posteriormente se publiquen, ou perderán o dereito ao cobramento da axuda.
b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas constituídas ou en fase de constitución:
Contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da comunidade enerxética a partir da súa constitución. Co obxecto de contribuír á sostibilidade da comunidade enerxética esta deberá dispor dun estudo de viabilidade económica en que se avalíen cando menos os investimentos que se vaian realizar, o financiamento destes, os custos operativos e os ingresos previstos nun horizonte temporal mínimo de 10 anos. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios.
Como resultado debe obterse:
– De ser o caso, estatutos e acta de constitución da comunidade enerxética.
– Anteproxecto das infraestruturas enerxéticas previstas.
– Estudo de viabilidade económica da comunidade enerxética.
– Cando proceda, memoria descritiva das actuacións de difusión.
2. Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que os asesoren. O Inega elaborará unha listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas, que publicará na páxina web www.inega.gal. A listaxe confeccionarase sobre a base dunha declaración responsable de dispor de medios humanos e materiais para a realización do traballo de planificación.
Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo IV da presente resolución en calquera momento desde a publicación desta resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.
Financiamento
As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. O orzamento por partida orzamentaria redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.3, 09.A3.733A.770.4 e 09.A3.733A.781.8, entidades locais, empresas e entidades sen fins de lucro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comeza o 18 de xaneiro de 2024 ás 9.00 horas e rematará o 15 de maio de 2024.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 734189): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na páxina web do Inega (www.inega.gal).