SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN MARCHA DE INICIATIVAS LOCAIS DIRIXIDAS Á XUVENTUDE. PRAZO: 26-05-2017

Data: 

xoves, 27 Abril, 2017 (Todo o día) a venres, 26 Maio, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

ORDE do 11 de abril de 2017 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á xuventude durante o ano 2017, e se procede á súa convocatoria. BDNS (Identif.): 343151.

Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á xuventude, e convocar estas axudas para o ano 2017 (código de procedemento BS305E).

2. Coas iniciativas locais dirixidas á xuventude tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación establecidas no artigo seguinte.

Áreas de atención prioritaria

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:

a) Iniciativa local emprendedora: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas.

b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.

c) Dinamización da información para a mocidade.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

g) Fomento da participación e o empoderamento das mulleres novas galegas.

h) Conservación e posta en valor do ambiente e do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.

Solicitantes

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos galegos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos.

2. Así mesmo, poderán solicitar as axudas que regula esta orde as agrupacións de concellos, estremeiros e/ou dunha mesma comarca que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Orzamento

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 609.025,67 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 12.05.313A.460.0 consignada na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2017.

2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante. No caso das solicitudes individuais, o orzamento total do proxecto non poderá ser superior a 6.000 euros. No caso das solicitudes conxuntas, o orzamento total non poderá superar os 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos, ou os 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos. O orzamento máximo previsto neste punto para as solicitudes conxuntas aplicarase tamén aos concellos resultantes de procesos de fusión municipal. Non se admitirán a trámite as solicitudes de axudas para proxectos cuxo orzamento sexa superior ás citadas contías.

3. Financiarase o cento por cento do proxecto presentado. Deste xeito, a contía máxima da axuda será a establecida, para cada suposto, no número anterior.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: 

galer_a_fotos