SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN MARCHA DE PROGRAMAS DE AXUDAS ECONÓMICAS A FAMILIAS CON MENORES A CARGO PARA A COMPENSACIÓN DOS SEUS GASTOS FARMACÉUTICOS. PRAZO: 26-09-2016

Data: 

sábado, 27 Agosto, 2016 (Todo o día) a luns, 26 Setembro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

Orde do 12 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións que desenvolverán as corporacións locais para a posta en marcha de programas de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017. BDNS (Identif.): 315560.

Finalidade

Subvencións ás corporacións locais para o desenvolvemento de programas que teñan por finalidade a concesión de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos, e proceder á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

O programa consistirá na xestión de axudas económicas ao cofinanciamento do 40 % dos medicamentos financiados polo Sistema nacional de saúde e prescritos a través de receita a familias con menores a cargo que atravesen dificultades económicas e que estean empadroadas no seu termo municipal.

Para os efectos da presente orde terán esta condición aquelas familias das indicadas no parágrafo anterior que non superen os limiares de ingresos a que se refire o artigo 12.d) da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e que teñan menores de 16 anos ao seu cargo.

Entidades beneficiarias

Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou desenvolver o programa obxecto desta orde de convocatoria.

Enténdense incluídos no punto anterior os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver o programa conxuntamente, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual para o mesmo programa.

En calquera caso, as corporacións locais solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e, así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Importe

Tres millóns de euros (3.000.000 €), dos que un millón cincocentos mil euros (1.500.000 €) corresponden á anualidade 2016 e un millón cincocentos mil euros (1.500.000 €) á anualidade 2017.

Determinación do importe das axudas:

En primeiro lugar, e para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos ou agrupacións que poidan participar nesta convocatoria, asignarase a cada entidade unha contía inicial en función do tramo en que se atope segundo a escala e de acordo coas condicións que se establecen a seguir:

1º Concellos ou agrupacións de menos de 5.000 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 3.000 euros, 1.500 euros para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 20 %.

2º Concellos ou agrupacións de 5.000 a 9.999 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 9.000 euros, 4.500 euros para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 20 %.

3º Concellos ou agrupacións de 10.000 a 19.999 habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 19.000 euros, 9.500 euros para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 20 %.

4º Concellos ou agrupacións de 20.000 a 59.999 habitantes: a Comunidade Autónoma achegara unha cantidade máxima de 40.000 €, 20.000 euros para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 30 %.

5º Concellos ou agrupacións de 60.000 ou máis habitantes: a Comunidade Autónoma achegará unha cantidade máxima de 90.000 euros, 45.000 euros para cada anualidade, e a corporación local deberá acreditar unha porcentaxe mínima de cofinanciamento do orzamento total do programa dun 40 %.

Unha vez efectuadas as propostas de resolución segundo o establecido no punto anterior, no caso de non esgotamento do crédito procederase a unha segunda repartición mediante rateo entre aquelas solicitudes que non acadaron o financiamento do 80 % do custo total do programa, de acordo coa posibilidade prevista no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, as contías máximas establecidas neste artigo nunca superarán o 80 % do orzamento presentado.

A contía máxima que cada entidade local poderá conceder aos destinatarios finais do programa será de 120 euros por persoa integrante da unidade familiar e anualidade. Sen prexuízo do anterior, poderá superarse este límite nos casos en que a situación do destinatario final o faga aconsellable, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social emitido pola traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos.

Cada entidade poderá destinar como máximo un 5 % do importe da axuda para compensar os gastos xerais imputables ao desenvolvemento directo do programa.

Prazo

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 161850.09 KB
PDF icon DIG Nº. 161 - EXTRACTO442.35 KB