SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA DE PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO DE GALICIA 2017-2018. PRAZO: 21-08-2017.

Data: 

xoves, 20 Xullo, 2017 (Todo o día) a luns, 21 Agosto, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

ORDE do 11 xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018. BDNS (Identif.): 355312.

Obxecto

1. As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

2. Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Formación para o emprego, distinta á prevista na letra b).

O total de horas de formación do programa deberá ser como mínimo de 300 horas.

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas.

j) Talleres sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (rede Eures), así como outros que informen os usuarios das posibilidades de inserción laboral ao ampliar o ámbito xeográfico de busca de emprego fóra do concello de residencia.

De non desenvolver algunha das accións anteriores deberá xustificarse de xeito motivado.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a esta, sempre que por si soas ou asociadas teñan unha media de paro rexistrado no ano 2016 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

c) Das entidades mencionadas nos parágrafos anteriores, non poderán ser beneficiarias das axudas recollidas nesta orde as que teñan a condición de axencia de colocación e perciban axudas dos servizos públicos de emprego (estatal e/ou autonómico) destinadas á inserción laboral no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para os efectos de lograr unha mellor e máis ampla distribución do importe da convocatoria, unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude.

3. Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Financiamento

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións: 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, polos importes de 1.921.000 euros e 1.880.000 euros, respectivamente, na anualidade 2017, e 2.881.500 euros e 2.820.000 euros, respectivamente, na anualidade 2018, correspondentes a fondos finalistas transferidos.

2. A contía máxima así como a distribución entre créditos orzamentarios poderán ser obxecto de modificación nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As modificacións que, de ser o caso, se produzan por aplicación deste punto serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Características dos programas integrados de Galicia

1. Todas as persoas participantes neste tipo de programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O número de persoas que se atenderán será de 85. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 30 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

2. O Servizo Público de Emprego de Galicia seleccionará, coa participación da entidade beneficiaria e mediante un procedemento de selección específico para estes programas regulado mediante instrución, as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación a eles, tendo en conta que non poderán ser seleccionadas aquelas persoas que xa participasen nun programa integrado de emprego ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017, ou nunha Lanzadeira de emprego de Galicia ao abeiro da Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.

As persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa integrado.

3. Con carácter xeral, consideraranse persoas atendidas aquelas en que se acredite a súa participación en, cando menos, cinco sesións individuais (sesións de orientación, información, asesoramento e preparacións de entrevistas), e outras tres accións de distinta natureza, das previstas no proxecto. As ditas sesións deberán ser distribuídas regularmente ao longo do período de desenvolvemento das accións do programa.

4. De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios/as traballadores/as ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

5. Non computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera Administración pública ou empresa pública, con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) A contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

c) As bolsas ou prácticas non laborais, aínda que sexan remuneradas e dean lugar a unha alta na Seguridade Social.

d) Contratos de interese social subvencionados a través de programas de cooperación con entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro nin os contratos para a formación e a aprendizaxe subvencionados a través dun programa mixto de formación e emprego (escolas obradoiro ou obradoiros de emprego).

e) Contratación en empresas públicas ou privadas en que a retribución da persoa estea financiada mediante subvencións públicas.

f) A contratación en calquera empresa mediante a modalidade de contrato indefinido fixo descontinuo con data de inicio anterior ao comezo do programa, así como os sucesivos chamamentos que derivasen del.

g) Contratos que se produzan no mes seguinte á selección da persoa demandante.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: