SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA DE PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO DE GALICIA DURANTE OS ANOS 2016 E 2017. PRAZO: 22-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a luns, 22 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.

Obxecto

1. As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses, facilitándolle as ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, os active laboralmente e lles proporcione competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral.

2. Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que combinen accións de diferente natureza, tales como:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Formación para o emprego, distinta á prevista na letra b).

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico práctico das accións formativas.

l) Mobilidade laboral.

m) Todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego.

Nestes programas incluiranse de xeito obrigatorio accións de carácter formativo e de intermediación laboral e estableceranse obxectivos cuantitativos de inserción laboral das persoas demandantes de emprego participantes neles.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma, sempre que por si soas ou asociadas, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

2. Unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude para cada tipo de programa dos regulados no artigo 3.1 desta orde.

3. Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipos e características dos programas integrados de Galicia

1. Distínguense dous tipos de programas.

A) Programas integrados para o emprego, en xeral:

Todas as persoas participantes neste tipo de programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O número mínimo de persoas a atender será de 60 e o máximo de 120. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 30 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

B) Programas integrados específicos para persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA).

Todas as persoas participantes neste tipo de programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e ademais beneficiarias titulares da renda de integración social de Galicia.

O número mínimo de persoas desempregadas a atender será de 50 e máximo de 100. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 25 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

2. O Servizo Público de Emprego de Galicia seleccionará, coa participación da entidade beneficiaria, e mediante un procedemento de selección específico para estes programas regulado mediante instrución, ás persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación aos mesmos, tendo en conta que non poderán ser seleccionadas aquelas persoas que xa participaran nun programa integrado de emprego ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2014 (convocatoria 2015-2016).

As persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación en programas integrados para o emprego.

3. Con carácter xeral, consideraranse persoas atendidas aquelas nas que se acredite a súa participación en, cando menos, cinco sesións individuais e outras tres accións de distinta natureza, das previstas no proxecto. As ditas sesións, deberán ser distribuídas regularmente ao longo do período de desenvolvemento das accións do programa.

4. Con carácter xeral, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios traballadores ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses. Non obstante, na correspondente resolución de concesión poderase adecuar a definición desta inserción por conta allea, en función de circunstancias como a actividade profesional que desenvolverá a persoa inserida ou a súa pertenza a colectivos de persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción.

5. Non computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera administración pública con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) A contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248521.79 KB
PDF icon DOG Nº. 14 (Ano 2016)787.01 KB