Data:
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Orde do 28 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR332A).
BDNS (Identif.): 762784.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2024, das subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, para lles facilitar ás persoas traballadoras en situación de desemprego os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, que as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral. Todas as persoas participantes nestes programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os programas integrados de emprego están destinados a atender 100 persoas desempregadas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.
De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea e acumulen, mediante un ou varios contratos iniciados no dito período, unha duración non inferior a:
• No caso de tratarse de contratos a xornada completa, 100 días de cotización en vida laboral.
• No caso de contratos a tempo parcial, 70 días de cotización en vida laboral.
• No caso de que se combinen contratos a tempo completo e parcial e non se acade a duración dos dous puntos anteriores, 85 días de cotización en vida laboral.
Tamén se considera inserción laboral cando inicien, durante este mesmo prazo de 12 meses ou dentro dos 3 meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, que acade unha duración non inferior a seis meses.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:
a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2023 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.
Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:
• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos que se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.
Importe
O importe total da convocatoria ascende a 10.268.000 euros e financiarase con cargo ás aplicacións 13.50.322A.460.3 e 13.50.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) polos importes de 1.000.000 e 1.567.000 euros, respectivamente, na anualidade de 2024, e 3.000.000 e 4.701.000 euros, respectivamente, na anualidade de 2025, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.200 euros por cada persoa desempregada participante.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 762784): http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración): http://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencións