SUBVENCIÓNS PARA A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NO MARCO DA REDE GALEGA DE ATENCIÓN TEMPERÁ (FSE GALICIA 2014-2020). PRAZO: 09-03-2022

Data: 

xoves, 10 Febreiro, 2022 (Todo o día) a mércores, 9 Marzo, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS700A). BDNS (Identif.): 609091.

Obxecto

O establecemento das bases para a concesión de subvencións destinadas a entidades locais, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá ao abeiro do Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, mediante xestión individual ou compartida, directa ou indirecta a través da concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade.

As subvencións destinaranse á consecución das seguintes finalidades:

a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 11 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (publicada no Diario Oficial de Galicia número 16, do 26.1.2021).

b) Programa II, destinado aos servizos existentes actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.

Entidades beneficiarias

Serán entidades beneficiarias segundo o tipo de xestión:

a) Xestión individual: concellos cun censo mínimo de 10.000 habitantes, incluídos os que resulten dunha fusión municipal.

b) Xestión compartida: agrupacións de concellos e/ou de mancomunidades de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos.

Quedan excluídas as deputacións provinciais.

Contía

Destínase crédito por importe total de cinco millóns oitocentos sesenta e cinco mil novecentos oitenta e nove euros con cincuenta céntimos (5.865.989,50 €), dos que 1.615.437,50 € están cofinanciados con fondos FSE nun 80 %, programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1, distribuído segundo o seguinte:

a) Programa I: 4.934.606,50 €.

b) Programa II: 931.383,00 €.

A contía máxima de subvención por beneficiario será do 90 % do orzamento total da actuación. Virá determinada polo número total de horas de traballo totais do equipo que conforma a unidade e, en todo caso, cos seguintes importes máximos en función do tipo de xestión:

a) Individual:10.030,00 € por mes subvencionable.

b) Compartida: 13.373,00 € por mes subvencionable.

O importe calcularase de acordo co sistema de custos simplificados en función do custo unitario por hora de traballo sinalado na orde, segundo os grupos profesionais.

Outros datos

De conformidade co establecido na orde e nos termos establecidos nos artigos 7, 8, 9, 10 e 11:

a) Para os efectos da concesión da subvención, o obxecto da prestación estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.

b) O período máximo subvencionable abranguerá desde o 1 de novembro de 2021 ata o 31 de outubro de 2022 e os gastos imputables serán os directos de persoal e outros gastos directos e indirectos realizados naquel e que fosen efectivamente pagados na data límite de xustificación.

c) O equipo de traballo deberá contar cun mínimo de 3 integrantes e ser interdisciplinar.

d) Realizarase un primeiro pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de anticipo, unha vez notificada a resolución. O 50 % restante ou a parte que corresponda, tras a correspondente xustificación, que se realizará nos termos previstos no artigo 26 da orde e sen prexuízo da obriga establecida no artigo 11.d), a través da modalidade de custos simplificados e con data límite do 15 de novembro de 2022.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

 

Descargas: